A FALTA DE RIGOR COMO FORMA DE GOBERNO

Asistimos neste pleno a unha nova demostración de como a improvisación e a falta de rigor constitúen os sinais de identidade do goberno vilalbés. Comezando pola data de celebración do pleno, que unha vez máis o goberno local  fixou ao seu arbitrio, ignorando o acordo plenario polo que se estableceron as datas ordinarias de celebración dos plenos no noso Concello. Así, de novo, a sesión correspondente ao mes de setembro tivo lugar en outubro, e unha vez máis o goberno municipal fixou a data unilateralmente sen escoitar as restantes forzas políticas.

Pero non foi este o único desatino dos populares nesta sesión plenaria, na que só tomou a palabra por parte deste grupo o Alcalde. Durante as case tres horas de Pleno, os restantes concelleiros e concelleiras deste grupo (dos cales 2 persoas, ademais do Alcalde, perciben un salario pola súa dedicación exclusiva ao Concello) permaneceron fisicamente no salón de plenos, pero sen participar en ningún momento no mesmo, esquivando dar explicacións naquelas cuestións propias da súa área de goberno.

Centrándonos xa nos temas que se debateron, o goberno vilalbés propuxo a aprobación dunha serie de subvencións nominativas para algunhas asociacións veciñais destinadas ao establecemento de puntos de recollida de plásticos agrícolas. Segundo as explicacións que  se nos facilitaron no Pleno, nalgunhas parroquias o Concello non dispón de terreos para a construción destes puntos de recollida, e para sortear este problema propúxose  a firma de convenios coas asociacións por medio dos cales recibirán o importe necesario para acometer as obras de instalación. A nosa postura foi clara e taxativanon estamos de acordo con que haxa dous modelos diferentes para xestionar un mesmo problema, é dicir, que nuns casos sexa o Concello quen pon os terreos e fai a obra, e noutro sexan as asociacións as responsables, e tampouco compartimos que se propoña unha solución que non está perfectamente acotada dende o punto de vista legal. Primeiro, porque o Concello non pode derivar unha responsabilidade  que é súa nos Presidentes dalgunhas asociacións de veciños e veciñas; segundo, porque existen outras alternativas perfectamente reguladas para que o Concello poda dar o mesmo trato a todas as parroquias; e terceiro, porque non se pode conceder subvencións nominativas ás asociacións para acometer unha obra nuns terreos  dos que non pode demostrar que posúen a titularidade, vulnerando a normativa de subvencións. Finalmente, este punto saíu a diante cos únicos votos a favor do PP,  xa que non foron quen de convencer nin a unha soa forza da oposición cun discurso cheo de evasivas e de vaguidades, que lonxe de clarificar as dúbidas que se lle formularon o que fixo foi incrementar as que xa tiñamos. Quedounos claro que para o Alcalde semella máis doado subvencionar que exercer medidas que impliquen compromiso e traballo para resolver os problemas da veciñanza.

Outro punto que se debateu  foi  a adxudicación do contrato para a xestión da piscina municipal á empresa Clece S.A. No pleno anterior, no que se aprobaron os pregos que rexerían este expediente de contratación, o noso grupo solicitou que  se modificase a cláusula relativa aos horarios de apertura para incluír os festivos, xa que na redacción orixinal dos pregos rezaba que a piscina estaría pechada os festivos. O PP comprometeuse a modificar esta cláusula atendendo a nosa demanda, porén, non fixeron  os deberes  e tivo que facerse unha modificación por vía de urxencia do Regulamento da piscina para poder introducir esta modificación.  O resultado final é que a piscina parece que abrirá os festivos, pero non se pode consentir  que se acorde unha cousa no pleno e que o equipo de goberno nin sequera se dea conta de que non fixeron a modificación,  tratando  de poñer escusas peregrinas para xustificar o seu desleixo total.

No apartado de mocións o noso grupo presentou dúas,  a primeira delas  para instar á Xunta de Galicia o adecentamento e cesión das instalacións da Estación de Autobuses, que consideramos urxente dada a situación dantesca na que se atopa, que mesmo  foi cualificada pola prensa  como a  estación de autobuses máis noxenta de España. Esta moción foi aprobada por unanimidade.

A segunda moción que presentamos foi para solicitar un censo de persoas maiores que viven soas no noso Concello, como punto de partida para o deseño dunha política orientada a paliar esta situación e as súas tráxicas consecuencias. O PP votou en contra desta proposta pero admitindo que estudiarían como poñela en funcionamento. Esta práctica que é habitual por parte do equipo de goberno, provoca que o seu criterio vaia perdendo peso dado que  poñen en marcha máis iniciativas nosas que votaron en contra que aquelas que aceptaron co seu voto. Para o goberno dos populares, acostumados ao rodillo da maioría absoluta, os plenos son un mero trámite que teñen que pasar porque o marca a lei, obviando totalmente que no Pleno están sentadas as persoas que representan á cidadanía, e nesta lexislatura hai máis vilabesas e vilalbeses representados na bancada da oposición que na bancada do goberno.

Presentamos  nesta ocasión  unha ampla batería de rogos dirixidos ao equipo de goberno. Pedimos en primeiro lugar que ante a problemática rexistrada co comedor do IES Basanta Silva, o Concello permaneza atento á correcta prestación do servizo pola nova empresa concesionaria.

Tamén relacionado co ámbito educativo solicitamos que se manteña unha reunión coas ANPAS dos centros situados na Rúa Cuart de Poblet para tratar de  buscar solucións viables para o grave probema de aparcamento e seguridade vial que se produce nesa rúa á entrada e saída dos centros escolares.

O terceiro rogo que presentamos foi para que se controle e se incremente a frecuencia de recollida do lixo nas parroquias do noso Concello.

Pedimos tamén que, dunha vez, se sinalice o nome da Rúa Plácido Peña e que se incrementen os fondos para o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.

Xa para rematar no apartado de preguntas interesámonos polos accesos ao lugar de Arán en Ladra, e por un camiño deteriorado por unha empresa de madeira en Árbol.

 

 

Aquí vos deixamos toda a documentación presentada no pleno:

MOCIÓN estación autobuses

MOCIÓN censo persoas maiores que viven soas 

PREGUNTA – Ladra

PREGUNTA camiño Árbol

ROGO comedor

ROGO Cuart de Poblet

ROGO MUPAV

ROGO Plácido Peña

ROGO recollida lixo parroquias

ROGO Rúa Tras do Poxigo

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.