A igual traballo, igual salario

DesigualdadO pasado día 22 conmemorouse en Europa o Día pola Igualdade Salarial, que foi un día especialmente reivindicativo dos dereitos laborais das mulleres. Aínda así, cada ano que pasa aumenta a brecha salarial existente entre homes e mulleres, sen esquecer que tamén vai a máis a precariedade dos postos de traballo que aínda conservan.

Os últimos datos oficiais din que unha muller tería que traballar nada máis e nada menos que 79 días máis ao ano para gañar o mesmo que un home no mesmo posto de traballo; levado á xubilación, que unha muller tería que traballar once anos e medio máis que o seu igual masculino para ter a mesma pensión. E para mostra un botón: a 1 de xaneiro de 2015 a pensión media dos homes estaba en 1.178 euros, mentras que a das mulleres non pasaba dos 723. Esta brecha á hora da xubilación ascende ao 39%.

Durante a lexislatura que está a piques de rematar, España tense convertido no país europeo no que máis se incrementou a desigualdade salarial, baixamos 19 postos na escala que emite o Foro Económico Mundial. Así as cousas, España situouse a niveis do ano 2002, co agravante de que agora hai menos emprego, e o que existe, é maioritariamente en peores condicións que daquela.

En Galicia esta situación é aínda peor, dado que se dan dúas circunstancias que agravan a situación de desigualdade salarial entre mulleres e homes. A primeira, que o salario bruto medio anual é o segundo mais baixo de toda España, e a segunda, que a brecha salarial aumentou por riba da media estatal. Sen meter moitos números polo medio, a conclusión é ben sinxela: que os homes galegos gañan de media ao ano 5.322 euros máis que as mulleres. E todo isto, sen esquecer que en Galicia, deixando a un lado a precarización e parcialidade laboral dos empregos das mulleres máis novas, nos últimos 5 anos, perdéronse casi 51.000 empregos femininos.

Se non existe ninguna razón obxectiva para que cobren distinto os homes e as mulleres por facer o mesmo traballo, cales son os motivos polos que dende as administracións se segue a mirar para outro lado? A min só se me ocorren dous: a discriminación e o machismo.

Non me cansarei de dicir que aínda segue habendo diferenzas de dereitos entre os homes e as mulleres, coincidiredes comigo en que é de xustiza desenvolver e aprobar dunha vez por todas unha lei de igualdade salarial. Porque se as mulleres e os homes traballamos igual, debemos de cobrar o mesmo.

Que teñades todas e todos un moi bo día.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.