A política nos concellos

rajoy y feijooÉ nos concellos onde radica a verdadeira política e a primeira democracia. É nos concellos onde os cidadáns desenvolven dunha forma máis eficiente a súa función de control sobre os representantes públicos. Tamén onde os veciños e veciñas se senten máis capacidados para participar e determinar o seu futuro en común.

Así, fronte á visión raquítica dos nosos mandatarios vilalbeses, os socialistas temos unha visión ampla e social da vida municipal na que apostamos por concellos cada vez máis transparentes, por concellos máis democráticos, con capacidade de involucrar á cidadanía na súa xestión. Por concellos sostibles que sexan capaces de activar políticas de loita contra o desemprego. Por concellos capacitados, con competencias e finanzamento suficiente para prestar servizos básicos para os seus veciños. E por concellos ben atendidos máis aló do seu tamaño, da súa importancia, ou do seu carácter rural.

Pero o máis importante para os socialistas, o fundamental, é a consideración de que os concellos son os encargados de salvagardar a prestación de servizos sociais e de protexer a aqueles que se atopan nunha posición desfavorecida. Aquí é onde radica a principal función do municipalismo; convencidos de que o que a cidadanía agardará de nós nas vindeiras eleccións municipais será que a nosa xestión municipal sirva como primeira barreira de proteción social diante as consecuencias das nefastas políticas dos gobernos que presiden alcaldes do Partido Popular. Seremos inflexibles contra a visión daquelas forzas políticas que non se tomen en serio a política local, e contra a visión da dereita que sinxelamente, non cre na política local.

Téñovos falado moitas veces, pero non por elo vou a deixar de denuncialo, das premisas da dereita ante a crise económica. Tratou de facernos crer que dende a súa orixe, todos tiñamos que pagar un alto prezo por igual, un prezo independentemente da nosa responsabilidade causal, e como non, tratou de facernos ver que o Público tiña a culpa da crise. Así comezou o desmantelamento do sector público, así comezaron os recortes, as privatizacións e a supresión de boa parte do noso sistema de Benestar. Foi contra os concellos, contra os que o PP aprobou a súa reforma da Lei de bases de Réxime local, o noso alcalde calou. Esta lexislación favorece e estimula a desigualdade e o empobrecemento das persoas. Esta reforma local é o espello do que a dereita quere facer co noso país, isto é:

  • Rematar co principio constitucional de autonomía local
  • Ignorar competencias dos concellos recollidas no noso estatuto de autonomía
  • Apostar pola desigualdade entre as administracións
  • Apostar pola privatización dos servizos sociais
  • Disimular a precariedade e a perda de postos de traballo do sector público como consecuencia das privatizacións e os recortes.

Na antesá das inminentes eleccións municipais, o traballo dos homes e mulleres socialistas vilalbeses será propoñer unha alternativa clara e creíble para o noso concello, atractiva para  todas as persoas que agardades solvencia, seriedade e compromiso social para as familias vilalbesas. Loitaremos para que en Vilalba non se impoña o modelo mercantilista que unha e outra vez, e dende vai demasiado tempo nos venden como único destino posible.

Que teñades todas e todos un moi bo día.

Compartir con...