Grupo Municipal Socialista (GMS)

O actual Grupo Municipal Socialista de Vilalba foi constituído no pleno extraordinario do día 13 de Xuño de 2015, froito dos votos acadados polo PSdeG-PSOE nas eleccións municipais do 24 de Maio deste mesmo ano.

Estas son as seis persoas que o forman, as que traballan en Vilalba -baixo as siglas do PSdeG- por acadar unha sociedade cada vez mais igualitaria, xusta e progresista.

 

Elba Veleiro Fernández


ElbaElba naceu no ano 1955 na casa dos seus avós maternos, nunha pequena aldea da comarca ourensá do Ribeiro. Tras a oportuna recuperación do parto, a familia voltou ao seu fogar en Vilagarcía de Arousa.

Alí, en plenas Rías Baixas, Elba pasou a súa nenez. Medrou a carón do Atlántico, e en Vilagarcía cursaría os seus estudos ata rematar o bacharelato superior no Colexio das Relixiosas Filipenses –xa que en Vilagarcía non había naquela época centro feminino de ensino público-. Ao contrario que os mozos, as mulleres non podían facer o COU en Vilagarcía, polo que con só 16 anos tivo que deixar o seu fogar e instalarse en Santiago para continuar os seus estudos e, con posterioridad, ingresaría na Facultade de Medicina compostelá, estudos que rematou en xuño de 1978. Tras a licenciatura pasaría unha tempada compaxinando o exercicio profesional –primeiro como médico sustituto en Boimorto, logo coma médico titular de urxencias na Estrada- coa reválida de grado e diversos cursos de doutorado.

En xaneiro de 1981, tras acadar plaza mediante oposición incorporouse coma médico de Atención Primaria en Vilalba, onde a día de hoxe confesa desfrutar, coma se fose o primeiro día, da súa laboura profesional e do trato diario cos seus pacientes. Tras estos 32 anos na vila, nos que merecidamente gañou os corazóns de todos os vilalbeses que a coñecen, admite sentirse totalmente integrada na sociedade local; mostra disto é a súa fonda vinculación con colectivos sociais, escolares, deportivos ou culturais.

Dende 2007 é concelleira polo PSdeG-PSOE en Vilalba, posición dende a que di que trata de devolverlle a esta vila unha parte do moito que lle deu ao longo de media vida. E faino sempre tendo en conta dous principios que considera totalmente irrenunciables: a liberdade e a igualdade.

Casou en outubro de 1980 con Vicente, froito do cal desfrutan de tres fillos vilalbeses, Nacho, Laura e Miguel. Gústanlle os deportes, as artes, viaxar e desfrutar da conversa cos amigos. Pero, por riba de todo, confesa que o que mais lle gusta é vivir e sentir cada momento do día, porque todos e cada un deles son importantes, únicos e irrepetibles.

É a actual voceira do Grupo Municipal

 

Eduardo Vidal Baamonde


Eduardo_4Eduardo, o mediano de tres irmáns, naceu no Muiño dos Pasos (Mourence) hai 56 anos, á carón do que hoxe constitúe o paseo fluvial de Vilalba. Seus pais, Mercedes e Pío, traballaron a reo para que se licenciara en 1986 como veterinario na Universidade Complutense de Madrid. Tras traballar 5 anos coma veterinario clínico, comezou a súa etapa de funcionario público en Viveiro, onde pasou 3 anos como funcionario interino. En 1994, tras aprobar a oposición, accedeu como funcionario de carreira ao Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia, sendo destinado en primeiro lugar a Mondoñedo. No ano 2000 incorporouse á Delegación Territorial da Consellería de Pesca en Celeiro, para pasar en 2005 a dirixir a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente. En 2009 foi nomeado director da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) pola Ministra de Medio Rural, Dna. Elena Espinosa Mangana. Na actualidade ocupa o posto de Inspector Veterinario de Vilalba, dentro da Consellería de Medio Rural e do Mar. A raíz das pasadas eleccións municipais tamén ocupa o posto de deputado provincial en Lugo.

Defínese a sí mesmo como persoa de esquerda. A súa vida política comezou en 2003 ao ser elexido coma concelleiro en Xermade polo PSdeG-PSOE. Ocupou o cargo de Coordinador da Terra Chá, e na actualidade como concelleiro é o voceiro do Grupo Municipal Socialista en Vilalba, así coma o secretario xeral da Agrupación Socialista en Vilalba.

Dotado dun profundo sentido da amistade, adoita desfrutar conversando cos amigos da xuventude mentras toman uns viños, reláxase gozando da música, da lectura e do contacto coa natureza: os seus recordos da infancia lévano sempre de volta ao muiño dos Pasos e a Penas Corbeiras. Consciente do importantísimo papel das mulleres na sociedade de hoxe en día, aborrece profundamente o maltrato, a violencia e as ideas fundamentalistas e reaccionarias.

Está casado con Conchita, e ten dúas fillas, Irene e Raquel.

 

Marta Rouco Seoane


Marta logoNaceu en Goiriz hai 32 anos, sendo a do medio de tres irmáns.

Estudiou no colexio Antonio Insua Bermúdez, sendo da última promoción de EXB e tamén de BUP e COU, que cursou no Instituto Basanta Silva.
A súa curiosidade polo mundo da política levouna a estudiar a Licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración en Santiago. Rematada a Licenciatura e para completar a súa formación académica, fixo un Máster en Administración Financiera e Tributaria tamén na USC.
Considérase moi afortunada porque rematou os meus estudos e atopou traballo, que nos tempos que corren non é o habitual. Despois duns meses traballando para unha entidade financieira,  empezou na empresa na que leva dende febreiro do 2009.
Para aproveitar o tempo que lle deixaba o traballo matriculouse na Licenciatura en Dereito a distancia, estudos que está a piques de rematar.
No ano 2011 tivo lugar a súa primeira incursión na política, formando parte da candidatura do PSOE para as eleccións municipais de Vilalba como independente. Afiliouse ao partido uns meses máis tarde. Tamén militou nas Xuventudes Socialistas de Vilalba ata agosto do 2014.
A súa paixón son os animais, dende pequena tivo sempre moitas mascotas: coellos, cabritos, un pato…. pero sobre todo ten paixón polos cans.
Está casada con José dende o 2013 e ten unha nena, Adriana.

 

 

Rodrigo Pavón Prieto


foto perfilRodrigo naceu en Vilalba no ano 1986, fillo e neto da emigración, deu os seus primeiros pasos na Praza de Santa María, lugar onde reside a día de hoxe.

A súa actividade académica na vila transcurre no Colexio Insua Bermúdez e no Ies Basanta Silva, ademáis de completarse cos estudos na especialidade de saxofón no Conservatorio de Vilalba. Forma parte da Banda de Música, dende os 11 anos, Asociación que tivo a honra de presidir e á que continúa vinculado na actualidade.

Ó rematar os estudos de bacharelato , marcha á Coruña a continuar os seus estudos musicais no Conservatorio da capital herculina, compaxinando cos estudos de Técnico Superior en Radiodiagnóstico clínico, titulación que completa na cidade de Barcelona, acadando a especialidade en Resonancia Magnética.

Con 20 anos establécese en Logroño, exercendo  a súa actividade profesional no Servizo Rioxano de Saúde, así coma no Vasco, Navarro, Aragonés e Catalán.

Tres anos máis tarde regresa a Galicia, para formarse noutra das súas paixóns, acadando a Licenciatura en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela na promoción 2009-2014.

É Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba dende o 2013, ano da súa refundación. Actualmente compaxina a actividade de Concelleiro co exercicio da avogacía.

Namorado da música e apaixoado deportivista, Rodrigo defínese coma un defensor da igualdade de oportunidades entendéndoa coma unha ferramenta fundamental para  acadar unha sociedade máis xusta.

É pai dunha nena.

 

Vanesa Siso Calvo


Vanesa Siso naceu fai 24 anos na Coruña, terra da meirande parte da súa familia. Vilalba foi o destino laboral que fixo que a familia desta rapaza se desplazara á capital chairega, lugar onde creceu, estudou e fixo as súas amizades. Tras rematar o bacharelato no IES Basanta Silva con 18 anos, a matrícula de honra acadada no último ano permitiulle comezar os seus estudos coa total gratuidade da matrícula na universidade pública de Santiago de Compostela. Afirma que foi a curiosidade da pronta xuventude por entender o mundo que a rodeaba o feito que a levou a estudar e graduarse en Xornalismo, logo de catro anos na capital galega, que combinou co estudo progresivo e a distancia dalgunhas asignaturas en Psicoloxía.

Rebelde por natureza e con moitas inquedanzas, atopou nas mobilizacións estudiantís e no ambiente universitario unha canle de protesta para mudar as cousas que nunca lle gustaran e que, ata o momento, non lles puxera nome. Cun profundo sentido da xustiza social e cun forte arraigo á súa vila, comezou a militar no 2013 nas Xuventudes Socialistas de Vilalba, onde atopou, xunto a compañeiros e compañeiras traballadores e comprometidos, unha verdadeira saída e alternativa ás políticas indolentes do PP vilalbés, especialmente de cara ás máis novas/os.

Na busca continua de formación, botou un ano en Barcelona para realizar un Máster en Comunicación política e social, ademais doutro (a distancia) en Mediación Intercultural, realizando en dita cidade proxectos de voluntariado vinculados á integración e á igualdade.

Actualmente, desde comezos do verán de 2015, é concelleira polo PSdeG-PSOE en Vilalba e Secretaria de Igualdade das Xuventudes Socialistas de Galicia.

Ademais de falar dos seus hobbies, tales como a lectura, a escritura, e as xuntanzas cos seus amigos e amigas, revela a súa debilidade pola música tradicional, sendo pandereteira desde que tiña uso de razón e impartindo clases na Asociación Cultural de Andrade, así como nas Asociacións de Veciños de Nete e Sancovade.

 

Luis Fernández Álvarez


230500_113139855437446_7284925_nLuis Fernández Alvarez, a quen todos os amigos chaman cariñosamente ‘Luta’, naceu en Vilalba fai 51 anos. As súas lembranzas da infancia están íntimamente ligadas a unha das mais senlleiras rúas de Vilalba, a Porta de Cima, onde medrou o fillo de Luis e Mercedes.

Tras realizar a EXB e o bacheralato en Vilalba, diplomouse en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, e desenvolve a súa laboura profesional na súa propia asesoría fiscal, laboral e contable, despacho do que manifesta sentirse especialmente orgulloso por xenerar tres postos de traballo, aínda por riba, sendo mulleres todas as súas traballadoras.

O seu inicio en política local estivo ligado ao BNG –sendo concelleiro xa hai 16 anos-, pero do que acabou por desligarse hai moito tempo. Pero como ‘animal político de esquerdas’ que se considera, o seu camiño acabaría levándoo á Agrupación Socialista de Vilalba, formación pola que sería elexido concelleiro, posto que ocupa na actualidade.

Confésase incondicional da novela negra e da lectura histórica, en particular no relacionado co Imperio Romano e á Segunda Guerra Mundial.  O cine antigo –particularmente dos anos 40 e 50-, e a música –folk, bossa nova, e rock- son outras das súas afeccións preferidas.

Se alguén quere saber del, unha forma de velo será na piscina municipal –deporte que practica con regularidade-, e unha forma de oílo é todos os luns en ‘A Bisagra’, programa semanal de radio no que desfruta plácidamente do debate e a confrontación de ideas políticas con outros contertulios.

Leva casado coa súa dona, Dolores, dende hai 15 anos.