Benvida aos plenos do s.XXI con políticas populares dun século anterior

Parece que aquelo de celebrar os Plenos Ordinarios fóra da data acordada no Pleno de Organización desta lexislatura se está a converter na práctica habitual. Así, este Pleno que debería terse celebrado  o último xoves do mes de novembro, por ser mes impar, cambiouse  ó primeiro martes do mes par seguinte. Este continuo baile de datas provocou que  dous dos Concelleiros do noso Grupo non puidesen acudir, quedando a nosa representación limitada a 4 edís.

A escusa que se buscou para xustificar o retraso foi que, por primeira vez, empregouse o sistema de notificacións  electrónicas,  en substitución do papel. A partir de agora,  as comunicacións que se nos facían en papel darán paso á vía telemática,  e a documentación, en vez de enviarse por e-mail, estará á nosa disposición na sede electrónica do Concello dende o momento en que se nos envíe a convocatoria.

Entre os asuntos xerais  deste Pleno,  destacar a aprobación do convenio para a cesión da Avda. Terra Chá por parte da Xunta de Galicia e o arranxo de dita travesía. O voto do grupo socialista a este asunto  foi favorable,  en consonancia coa postura que mantemos e manteremos sempre que se debatan melloras para a veciñanza. Non obstante, non podemos obviar que este convenio é unha mala negociación do Alcalde pois rebaixa a máis da metade o orzamento inicial esixido polo propio goberno popular no ano 2011 para a cesión desta estrada. Naquel momento, o anterior alcalde cuantificaba a inversión a realizar  en máis de 1 millón de euros,  pero  sorpresivamente o actual  rexedor considera unha excelente  xestión que se destinen a este fin 400.000 euros. Lamentamos ter que dicirlle ó señor alcalde que por moito que nos queira vender a súa brillante xestión, os datos son os que son.  A realidade é que  vai acometerse unha reforma, que non vai ser nin de lonxe a prevista en 2011, prexudicando a todos os vilalbeses e vilalbesas. Cremos que a incapacidade deste equipo de goberno, que  non ten un proxecto de pobo para Vilalba,  lastra cada día máis ó noso pobo.  Cremos que se debe apostar decididamente  por unha humanización, e por elo, esiximos do equipo de goberno que presente un proxecto de humanización para esta rúa o antes posible, senón verémonos na obriga de presentar cantas iniciativas resulten precisas neste sentido.

Mencionar en segundo lugar a aprobación do convenio colectivo para o persoal do Concello. Esta cuestión  tamén  se aprobou por unanimidade, a pesar de que o equipo de goberno desprezou a nosa proposta de mellora. Esta aportación circunscribíase ao artigo do convenio no que se regula a asistencia xurídica dos traballadores/as do Concello, solicitando que ademais de facerse cargo o Concello dos gastos derivados da mesma, se asumise tamén o pago das eventuais fianzas ata o límite de 30.000 €, salvo que se demostrase dolo ou neglixencia do traballador/a na súa actuación. Propoñíamos tamén que o seguro de accidentes colectivo, que non se establece por estar pendente de negociarse entre a representación dos traballadores/as e o Concello,  tivese un límite inferior de 40.000 €, tanto en caso de incapacidade permanente como de  morte de algún traballador/a por continxencia profesional.

Xa no apartado de mocións, presentamos para o seu debate tres iniciativas que foron aprobadas por unanimidade. Cómpre aclarar que ó inicio desta lexislatura, o PP intentou limitar o número de mocións que cada grupo podía presentar ó pleno, conseguindo o noso grupo que o asunto se solucionase co compromiso de todos os grupos de presentar un “número razonable” de mocións en función da representatividade de cada un (3-4 para nós e 1 ou 2 por cada integrante do Grupo Mixto). Para sorpresa de todos, unha das forzas que compón o grupo mixto saltouse este “pacto” presentando 6 mocións. Na Comisión de Asuntos do Pleno, pola nosa parte, defendemos que se admitisen as 6 mocións co compromiso de ser máis breves no debate. Posteriormente esta forza,  dun xeito desleal , pretendeu usar o argumento de  que presentaban máis mocións que o resto porque son a forza que máis traballa.  Por todos é sabido que cantidade non é sinónimo de calidade, e nesta ocasión non resultou a excepción: parte das mocións xa foran presentadas e aprobadas  anteriormente polo Pleno, a proposta do noso grupo, como é o regulamento para o uso dos locales municipais polas asociacións. Outras, aínda que compartimos a  boa vontade contiñan erros importantes de plantexamento, que impediron que as votásemos favorablemente , como aconteceu coa petición de que as antigas casas de mestres se destinen ás vítimas de violencia de xénero. Cremos que non se pode estigmatizar e poñer en perigo ás vítimas identificando claramente o lugar da súa residencia.  E outras das mocións presentadas  redundaban en debates xa plantexados con anterioridade no pleno, que  non aportaban nada novo.

Centrándonos no noso traballo, a primeira das nosas iniciativas foi para pedir que tanto a documentación relativa aos plenos e comisións, como a que nos solicitemos en relación a calquera asunto, nos sexa entregada respectando os prazos que marca a lexislación. Como exemplos máis recentes desta falta de transparencia, pódese citar por exemplo a comisión de asuntos do pleno do mes de outubro, onde non se puxo a disposición dos membros da comisión un dos expendientes incluidos na orde do día, ou a falta de resposta ó requerimento das copias das analíticas de potabilización da auga e dos informes da empresa concesionaria,  que dan mostra da continua falta de respeto democrático ós grupos que conformamos a oposición e, en concreto, a este Grupo Municipal.

A segunda das nosas mocións  foi para pedir que o goberno local se implique na loita contra a vespa velutina, levando a cabo campaña de información para a veciñanza en xeral e para os apicultores como afectados directos, solicitando tamén a implicación da Xunta de Galicia con máis medios para a a loita contra esta especie invasora.

A terceira moción que presentamos foi para pedir un regulamento do cemiterio municipal, ante a situación de abandono práctico por parte do goberno vilalbés que vive esta instalación na actualidade.

No apartado de rogos e preguntas  interesámonos entre outras polas seguintes cuestións: solicitamos a colocación de badenes e sinalización vertical no carrizo en Santaballa, solicitamos que se proceda o repintado das  prazas  de aparcamento para persoas con discapacidade;  preguntamos pola regularización do pago do alumeado público na Frouxeira ( Sancovade) e polos convenios para a instalación de puntos de recollida de plásticos agrícolas.

No que debería ser o último punto da orde do día debateuse a nosa solicitude de comparecencia do Concelleiro responsable da área de medio ambiente, Amador Guerra. Había que votar previa á comparecencia a procedencia da nosa solicitude. O PP fixo valer a súa maioría absoluta para declinar a nosa petición, intentando disimulalo con explicacións por parte do señor Alcalde. Ocorre que  nun equipo de goberno, en que cada persoa asume unha responsabilidade, esa persoa  debe ter a capacidade para dar explicacións sobre a súa xestión. Se non a ten, sexa polo motivo que sexa, non pode estar ocupando un posto que non lle corresponde.  Se pola contra,  o motivo polo que rexeita explicarse  é que non exerce ás súas competencias,  e está percibindo unha remuneración por elo, tampouco é un digno representante municipal. Ademais  nunha comparecencia as preguntas formulaas quen a solicita, e neste caso o Alcalde obviou aquelas cuestións que non lle interesa tratar.  Dende o noso Grupo Municipal rexeitamos, unha vez máis,  a omnipresencia do señor Baamonde, que con esta actitude non beneficia nin ó seu  goberno municipal nin ós veciños,  monopolizando e paralizando  á acción de goberno.

Cando xa dábamos por concluída a orde do día, a Secretaria tomou a palabra para advertir que restaba  un punto incluído por urxencia e que segundo o seu relato nos fora enviado ás 14 horas a través do novo aplicativo Gestiona06. Dase a casualidade de que as claves para acceder a este sistema se nos entregaron no mesmo pleno, polo que resulta  imposible que tivésemos accedido para ver a documentación . Sen máis explicacións, repartíronse  á oposición  unhas copias do proxecto e, sen deixarnos tempo nin para leelas, pedíusenos que votásemos o acordo. O noso voto nesta ocasión  foi en contra,  porque é a única postura  que nos posibilita, chegado o caso,  poder impugnar este punto.

Esperemos que os acordos plenarios conseguidos polo noso Grupo teñan mellor sorte que outros que xa arrancamos con anterioridade.  Non parece un bo comezo que tras haberse mostrado favorables a entrega de toda a documentación nos  prazos que establece a normativa, se nos faga votar  a continuación un acordo do que non tivemos nin sequera tempo a ler o contido. O comezo non é o mellor, dende logo.

Frecuentemente temos que escoitar descualificacións por parte do Alcalde, que nalgúns casos chegan a ser de tipo persoal, incidindo en que nós só estamos para entorpecer as cousas. Basta con facer un exercicio de observación do noso traballo , que moitas veces é de crítica porque é inevitable,  para ver que non é así. O noso obxectivo é sempre mellorar a vida dos vilalbeses, propoñendo melloras  e denunciando   a mala xestión do actual goberno. Cremos que non se pode levar case 40 anos gobernando un Concello sen ningún tipo de planificación e tendo como  única estratexia  a de botar balóns fora.. Cremos noutra maneira de facer as cousas e por iso seguimos día a día traballando, para demostrar, cando chegue a nosa oportunidade,  que é posible.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.