Detrás das cifras hai persoas

pobreza
O 27% da poboación española está en risco de pobreza.

Cada día, a cada momento, estamos soportando multitude de cifras. Na maioría dos casos non as consideramos, ben porque non nos sentimos implicados nelas, ou ben porque estamos do lado da balanza que nos asegura unha posición favorable. Son demasiadas as cifras ás que non lles prestamos a debida atención, pero debemos de tomar conciencia de que as cifras son algo máis que datos, detrás das cifras hai persoas con nomes e apelidos, con historias persoais e colectivas: pero unha e outra vez pasamos sobre delas sen poñerlles cara.

Aínda sabendo que moitos dos que me estades escoitando dentro duns poucos segundos perderedes o fío deste comentario, non me resisto a que cada un de vós intentedes poñerlles nomes e caras ás cifras, e intentedes vervos dun ou doutro lado de cada dato que vos vou dar: veredes

No cuarto trimestre do 2014, as persoas en paro en Galicia ascendían a 263.800, seguro que coñecedes a algunha. Chegouse a esta cifra logo de que se incorporaran 5.600 neste intervalo de tempo. Este aumento resultou ser porcentualmente catro veces superior ao resto de España. En xaneiro de 2015 en Galicia o paro subiu en 7.084 persoas, un 60 % máis que no resto do Estado. Se este dato é moi preocupante máis aínda resulta se consideramos as cifras da taxa de actividade, isto é, a relación das persoas en paro con respecto á poboación activa, que a finais do ano pasado en Galicia era do 53,47%. Entramos definitivamente no vagón de cola, pois esta é a segunda máis baixa das comunidades autónomas. Se estes dous datos aínda non foron suficientes para poñer nomes e apelidos, e para poñer caras, vou comentar algún outro a maiores: nese mesmo trimestre, o número de familias galegas con todos os seus membros en paro ascendía a 88.400. Este dato situounos no primeiro lugar das comunidades autónomas onde o descenso foi máis elevado. E se falamos da afiliación á seguridade social, en xaneiro de 2015, vemos que Galicia medrou cáseque a metade que no resto

Como é posible que xa estedes a punto de desconectar definitivamente das cifras que a bo seguro xa escoitástedes máis dunha vez, e a risco de que decidades atender a outras cousas, vou a darvos un dos datos que indican o escaso esforzo que fai o Goberno galego en relación á inversión para mellorar a fortaleza dos nosos produtos e dos nosos procesos de producción, para mellorar o coñecemento e o rendemento económico, a calidade de vida, o medio ambiente e a saúde, fálovos da Investigación, do Desenvolvemento e da Innovación. O Goberno de Feijoo situou a Galicia co investimento en I+D+i  no sétimo porcentaxe de menor gasto das autonomías.

Estou seguro que xa fumos quen de poñer cara a máis dunha persoa afectada por estas cifras, estou seguro que fumos quen de colocármonos nun dos lados da balanza, e aínda que sexa difícil, estou seguro de que aínda que fora por un instante, consideramos que tamén lle podería pasar a algún dos nosos.

Que teñades todas e todos un moi bo día.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.