Dos dereitos, das garantías e da dignidade dos enfermos terminais

descargaAs cuestións relacionadas co proceso da morte adquiriron grande importancia na nosa sociedade. Os avances da medicina e outras ciencias afíns, permiten a prolongación da vida ou o mantemento das funcións vitais ata límites insospeitados hai poucos anos. Iso sumado ao envellecemento da poboación e ao conseguinte aumento do número de persoas con enfermedades crónicas, fai que un importante número de persoas con enfermedades dexenerativas ou irreversibles cheguen a unha situación terminal caracterizada pola imposibilidade de curación da enfermedade causal, por un pronóstico de vida limitado e por un intenso sufrimento persoal e familiar, e todo elo, con frecuencia nun contexto de atención sanitaria intensiva altamente tecnificada. A incuestionable autonomía persoal, modificou profundamente os valores da relación clínica, que debe de adaptarse agora á individualidade da persoa enferma.

Na sociedade actual, o respecto á liberdade e á autonomía da vontade da persoa deberán de manterse durante a enfermidade e alcanzar plenamente ao proceso da morte. E neste contexto, debemos de afrontar o concepto de morte digna; toda persoa quere morrer ben, con calidade e calidez humana. Dignamente, como o acto final dunha vida que aspirou a ser tamén digna. Este concepto foi cambiando ao longo da historia. Na nosa sociedade moderna, asediada pola controversia da tecnoloxía médica, morrer dignamente ten hoxe novos matices: hoxe sabemos que é morrer co mínimo sufrimento físico, psíquico ou espiritual. Morrer sen dor. Morrer acompañado dos seres queridos. Morrer ben informado se se desexa. Morrer podendo rexeitar os tratamentos que un non quere, facéndoo un mesmo se é plenamente consciente, ou a través dun documento escrito previamente, se xa se está inconsciente. Morrer na intimidade persoal e familiar. Morrer sen que o persoal sanitario, coa mellor das intencións, se
obstine en manter os tratamentos que xa non son útiles e só alongan o sufrimento do fin. Morrer sedado se un o solicita. Morrer esperto se así se prefire. Morrer ben coidado. Morrer de acordo coas propias crenzas. Morrer a tempo. Morrer en paz.

O que veño de dicir forma parte da exposición de motivos da Proposición de Lei de Dereitos e Garantías da dignidade dos enfermos terminais que os socialistas galegos, para o seu trámite parlamentario, vimos de rexistrar vai uns días no Parlamento de Galicia, co único obxectivo de que a presente lei, de ser aprobada, mellore a calidade de vida de todos os galegos e galegas que se encontren en situación terminal, así como a das persoas a eles vencelladas, sen diferenza en canto á patoloxía, á localización xeográfica ou idade, de xeito racional e planificado, coordinado e eficiente, de acordo ás súas necesidades e respectando a súa autonomía e os seus valores.

Que teñades todas e todos un moi bo día, un moi bo Nadal e un ventureiro Aninovo.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.