PSOE: “Dous plenos extraordinarios en Vilalba en dez días pola incompetencia do PP”

Vilalba
O alcalde de Vilalba está a demostrar unha incompetencia absoluta na xestión dos presupostos deste ano 2016.

Os socialistas de Vilalba acusan ao goberno local dun atraso de catro meses na elaboración dos orzamentos e do incumprimento legal na entrega da documentación

Aseguran que o PP non conta coa opinión das forzas da oposición malia representar a máis vilalbeses e vilalbesas que o propio equipo de goberno

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba critica a xestión do equipo de goberno vilalbés no tocante aos orzamentos deste ano, presentados con catro meses de retraso. Ante a convocatoria do pleno extraordinario celebrado o xoves da semana pasada, o grupo popular veuse na obriga de retirar da orde do día a aprobación destes orzamentos ante a advertencia dos socialistas de presentar alegacións por ter vulnerado o procedemento na entrega da documentación. Cinco días despois, convocan outro pleno extraordinario cargando ás arcas públicas un total de 1.360 euros polo que, desde o PSOE, consideran un traballo que chega “moi tarde” malia conformar o piar que sustenta a xestión municipal.

Consideramos totalmente reprobable que non foran quen de presentar os orzamentos en xaneiro, ou no seu defecto no pleno ordinario de marzo para evitar os custes que xeneran reiteradamente os erros e a incompetencia deste goberno”, recalcou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Nesta liña, censuran que o alcalde, Gerardo Criado, “agoche a súa irresponsabilidade poñendo como excusa a implantación e adaptación á nova xestión electrónica, cargando o morto ás traballadoras e traballadores do concello”, comenta Veleiro en alusión á información que as e os concelleiros recibiron fóra do prazo estipulado nun asunto tan relevante como os orzamentos.

En palabras da oposición socialista, “é tal a incoherencia do goberno do PP, que logo dun retraso de catro meses e incumprindo unha vez máis a normativa, nos sinalan como responsables da súa falta de organización e dilixencia, empregando os intereses dos veciños ao seu antoxo”, criticou Veleiro, engadindo que “nestes catro meses non se acordaron do urxente que era aprobar os orzamentos para o ben común”, lembra.

O Grupo Socialista conclúe aseverando que a verdadeira irresponsabilidade reside en menosprezar e non contar coa opinión das forzas políticas que representan a máis vilalbeses e vilalbesas que o propio equipo de goberno.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.