O PSOE levará ao pleno iniciativas para reducir a carga fiscal do catastrazo por terceira vez

Os socialistas volverán a solicitar unha baixa no tipo de gravame do IBI e establecer o máximo permitido de bonificación do 95% para bens inmobles de actividades agrícolas ou gandeiras

Pedirán que se aprobe un Regulamento de axudas para o pago do 100% da cota do IBI a persoas empadroadas en Vilalba cuns determinados requisitos

O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar que levarán de novo ao pleno medidas encamiñadas a minorar a presión fiscal do temido catastrazo como resposta á preocupación da veciñanza do concello vilalbés ante a chegada dos recibos para pagar os atrasos do IBI dos últimos catro anos. Malia a insistencia dos socialistas para paliar os efectos da suba desorbitada á que se teñen que enfrontar os contribuíntes, o goberno local opúxose ata en dúas ocasións a actuar no que atinxe ás competencias municipais “deixando pasar o tempo con excusas mentras moitas persoas se atopaban cunha situación nova ante a que non se lles ofreceu ningún tipo de información”, comentou o edil socialista Rodrigo Pavón.

“Neste momento o imposto, froito da regularización catastral, está a ser notificado, polo que proporemos de novo medidas concretas e explícitas para diminuír os seus efectos”, subliñou Pavón. A primeira destas medidas responde a unha modificación da Ordenanza Fiscal número 2 no seu artigo oitavo, “o que suporía reducir os tipos de gravame do IBI do 0,4% para os bens inmobles de natureza urbana e o 0,3% para os bens inmobles de natureza rústica”, explicou o concelleiro.

O procedemento de regularización catastral afectou especialmente a aquelas persoas que habitan nas parroquias, danando gravemente un dos piares básicos da economía do concello: a actividade agrícola e gandeira. Dentro das competencias municipais e tal e como se fixo noutros concellos, desde o PSOE de Vilalba piden “que se estableza o máximo permitido de bonificación do 95% da cota íntegra do IBI para os bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras”.

Ademais destas propostas, que desde a bancada socialistas volverán a poñer sobre a mesa “esperando que Baamonde e o seu equipo de goberno acepten nun acto de responsabilidade cara os vilalbeses”, solicitarán tamén que se aprobe un Regulamento de axudas para o pago do 100% da cota do Imposto de Bens Inmobles a persoas empadroadas con Concello de Vilalba, “sempre que se trate da súa vivenda habitual e a renda da unidade familiar non supere tres veces o IPREM”, aclarou Pavón.

Antecedentes

O PSOE de Vilalba comezou a falar do catastrazo e a pedir solucións para minorar os seus efectos en agosto do 2015, semanas despois das eleccións municipais. Por aquel entón, acusaron ao Partido Popular da falta de información pola suba desorbitada dos pagos por regularizacións catastrais que afectaría ás veciñas e veciños do municipio. Tamén informaron de que o concello tiña coñecemento de que esta taxa se ía producir había un ano, e que ademais de afectar á suba do valor de cada unidade inmobiliaria a regularizar, tamén se incrementarían impostos coma o IRPF, o imposto de sucesións e doazóns ou aqueles de carácter municipal como o IBI e as plusvalías.

Ademais de criticar a total desinformación por parte da institución local, tamén censuraron a falta de sensibilidade co rural galego, “principal afectado destas reformas que os sitúan nunhas condicións de vulnerabilidade económica insostible”.

As propostas plenarias que se presentaron, na liña de baixar o tipo de gravame do IBI ou o estudo de ferramentas legais para evitar, na medida do posible, os efectos retroactivos das catro anualidades anteriores, foron rexeitadas polos populares do concello, “feito que nos obrigou a volver a presentar unha batería de medidas en decembro de 2016, coa información suficiente como para comprobar a suba excesiva na contribución da veciñanza e refutar os argumentos en contra do recén electo alcalde”. Aínda así, o equipo de goberno opúxose “a tomar nin unha soa iniciativa para unha problemática que está a afogar a economía de moitas persoas e ante a que recibimos moitas peticións para que actúen a favor dos seus veciños, e non con ese silencio ao que nos teñen acostumados mentras a xente do común ten que facer fronte a unha situación de desprotección e indiferenza por parte do goberno local”, rematan.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.