Nada é veleno, todo é veleno, a diferencia está na dose

descargaEsta frase ten pai: foi dita por un médico alquimista que naceu en Suiza no ano 1493. Fíxose chamar Paracelso. Foi moi coñecido, entre outras cousas, porque cría que tiña logrado a trasmutación do chumbo en ouro mediante procesos alquimistas; tamén por darlle nome a un elemento químico, o zinc, daquela chamouno cincum.

Paracelso -que tiña cultivada unha sabiduría multidisciplinar propia dos xenios daquela época-, profesaba sete regras básicas para acadar o equilibrio positivo, é en consecuencia, unha vida mellor.

O primeiro -o fundamental, dicía- é mellorar a saúde, e incluía neste apartado un principio básico: bañarse todos os días.
O segundo: desterra do teu ánimo toda idea de pesimismo, rencor, odio, tedio, tristura, vinganza e pobreza.
O terceiro principio dicía: fai todo o ben posible.
O cuarto: esquece toda ofensa. Esfórzate por pensar ben do teu maior inimigo.
O quinto: busca cada día alomenos durante media hora, un espazo onde ninguén poida turbarte para porte en contacto coas boas influenzas.
O sexto, garda silencio dos teus asuntos persoais.
E o sétimo, non teñas medo das persoas. Que non che inspire desacougo o día de mañán. O medo e a desconfianza no futuro, son os elementos máis funestos de todos os fracasos.

Istos principios ben os poderiamos asumir calquera de nós nos tempos de hoxe. Penso incluso que os partidos políticos podiamolos asumir xenericamente á hora de facer as nosas propostas programáticas, pero confeso que algún deles custaríame moito poñelo en práctica, pois coñecendo a vida política vilalbesa e coñecéndome a min mesmo, resultariame moi complicado desterrar a tristura que xera o feito de notar cada día a resignación que moitos de vós sentides diante da posibilidade de que o futuro poda cambiar. O meu desacougo é mais fondo, ao percibir a desconfianza que transmitides noutras alternativas políticas, que existen, e que teñen receitas actualizadas para enfrontar as enfermidades e recuperar a saúde.

Paracelso pretendía, dende a súa posición alquimista, atopar o remedio para curar todas as doenzas: sabemos que iso non é posible. En Vilalba, automedicámonos dende vai demasiado tempo cos mesmos remedios, eliximos a sobredoseficación da mesma menciña para curar as distintas doenzas que padecemos. O Partido Popular vilalbés non é malo en sí mesmo, pero despois de aplicarnos o mesmo remedio tantas veces, converteuse na ponzoña que causa a enfermidade, non na solución dos problemas. Pois iso, que nada é veleno, que todo é veleno, que a diferenza está na dose.

Que teñades todas e todos un moi bo día.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.