O Concello deseña un procedemento para beneficiar a empresa onde traballan os fillos do alcalde

UnoOs socialistas critican o baremo de méritos subxectivo que se aplicou na adxudicación do contrato para o Plan de Formación Dual do Concello

O PSOE levará a pleno unha moción que promova convocatorias posteriores máis xustas e transparentes para todos os vilalbeses

O Grupo Municipal Socialista critica o procedemento para a adxudicación do contrato de Formación Profesional Dual no concello pola súa arbitrariedade, beneficiando en último termo á academia na que traballan os dous fillos do alcalde. Así mesmo, tildan de “pouco ética” a negativa de Criado de convocar a comisión pertinente e dar explicacións á oposición sobre este procedemento. O Grupo Socialista levará a pleno esta cuestión esixindo convocatorias máis transparentes e xustas de cara a todos os veciños e veciñas de Vilalba.

Fronte á modalidade inicial de contratación aberta con publicidade presente nas bases, o concello decideu cambiar unilateralmente os criterios invitando tan só a tres empresas. Finalmente, o contrato asinado pola responsable de emprego no consistorio e senadora, Sandra Vázquez, demostra a clara intencionalidade de evitar a libre concorrencia de diferentes opcións para levar a cabo os servizos de formación.  “Os cambios no procedemento e a total subxectividade do proceso deixan entrever os intereses particulares do alcalde”, comentou a portavoz dos socialistas, Elba Veleiro. Estas declaracións fan referencia aos criterios de valoración recollidos no informe técnico, no que se afirma que son “criterios non avaliables mediante fórmulas matemáticas (subxectivos)”. Desde o Grupo Socialista comentan que “mentres a organización, medios materiais, coordinación cos técnicos municipais ou adecuación á realidade socio-económica da academia de ensinanza onde traballan os fillos do alcalde conta coa máxima puntuación, a outra opción obtén valoracións negativas ou case inexistentes”.

Ademais deste baremo de méritos subxectivo e da confusión do proceso, “as persoas integradas neste plan estiveron dous meses sen ningunha formación”, afirma Veleiro, incidindo no seu desacordo “coa teima deste concello por externalizar os servizos e xestionar de modo interesado, en detrimento da calidade dos mesmos”. Despois da adaptación dunha aula do concello coa homologación que se require, os socialistas critican que os cartos públicos deriven nunha empresa privada, invertindo sen máis criterio que o de manter os seus intereses particulares. “Empregan dun xeito análogo os procedementos opacos e pouco éticos na concesión de contratos, por iso reprobamos a súa xestión política e engano a todos os vilalbeses e vilalbesas”, sentenciou Veleiro.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.