O goberno vilalbés converte os actos institucionais en actos de partido

Acto de Hermanamiento con Collado-Villalba
O goberno vilalbés continúa coa súa actitude vexatoria e desprezos constantes aos grupos da oposición e, por extensión, á maioría de vilalbeses aos que representan.

Os socialistas critican que nin o alcalde nin o concelleiro de cultura teñan invitado á oposición a un acto institucional celebrado este sábado no municipio de Collado Villalba

Tildan ao goberno de partidista ao non discernir, dun xeito interesado, o carácter institucional dos actos, convertíndoos en actos electoralistas

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba vén de facer unha crítica ao goberno vilalbés do Partido Popular logo da visita que fixeron algúns dos concelleiros a un acto institucional en Collado Villalba (Madrid). Este mesmo sábado, tivo lugar a inauguración no municipio madrileño dun monolito en recordo do convenio que irmandou ambos concellos no ano 2007, ao que acudiron os ediles José Antonio Pita, Mª Flor Rey, Sandra Vázquez e Chery Grandío. A cita, seguida doutros actos organizados polo Centro Gallego Noroeste de la Sierra, tamén estivo presenciada pola alcaldesa do lugar e outras autoridades.

Os socialistas achegan unha queixa “posto que tanto na páxina web do concello de Collado como no cronograma dos actos pódese ver que se cita á corporación vilalbesa, da que formamos parte todas as forzas políticas, non só o concelleiro de cultura acompañado por tres das concelleiras do PP”, afirmou a voceira do PSOE, Elba Veleiro. Porén, “non se comunicou absolutamente nada nin aos grupos políticos nin ao pobo de Vilalba”, censuran.

Sinalan como responsables do que chaman “unha falta total de consideración e respecto institucional” ao alcalde, Gerardo Criado, e ao concelleiro de cultura, José Antonio Pita, “pois deberan ternos avisado”. Ademais, cuestionan a representación dos concelleiros do PP, pois “a todas luces o concelleiro de cultura non foi a representar aos vilalbeses e vilalbesas, senón aos afiliados do seu partido”. Como consecuencia da actitude dos populares, os socialistas comentan que remitirán sendos escritos á Casa de Galicia e ao concello de Collado-Vilalba “desculpando a nosa ausencia polo descoñecemento de dito acto, motivado polo feito de térnolo ocultado tanto o alcalde como o concelleiro de cultura”

Veleiro censura a actitude de Criado afirmando que “o que alardea de ser o alcalde de todos e todas, olvida facer chegar ao grupo socialista a invitación ao citado evento”, considerando que “desde o goberno vilalbés se confunden os intereses partidistas cos de toda a cidadanía, representada no consistorio por catro forzas políticas, non só a do Partido Popular”, remata.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.