O PSOE acusa ao Concello de non acudir á bolsa de emprego para contratacións

O Grupo Municipal Socialista acusa ao goberno do Partido Popular de Vilalba de levar a cabo contratacións de persoal no Concello sen ter acudido á bolsa de emprego existente desde marzo do ano pasado. Desde xeito, aseguran desde a oposición socialista que se están vulnerando “principios tan esenciais” como a igualdade de oportunidades en materia de contratacións co modus operandi do goberno local, impedindo o correcto funcionamento dunha bolsa de emprego que se creou precisamente para todo o contrario.

O PSOE de Vilalba sinala ademais que “se están a concatenar contratos sen ter acudido previamente á bolsa de emprego”, polo que afirman que “dita bolsa creouse cun efecto enganoso, para que as persoas aspirantes consideraran unha oportunidade que nunca se lles ía dar”, asevera a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Neste senso, fan unha crítica ao goberno Baamonde “por unha política de emprego máis que insuficiente, tinguida de accións para un lavado de cara que rematan por destapar a realidade meses despois, botando por terra a igualdade de oportunidades que lle importa máis ben pouco a este goberno”, incide Veleiro.

O emprego sempre foi motivo de discrepancia entre goberno e socialistas, pois consideran estes últimos que “o inmobilismo do Partido Popular ten negado propostas socialistas como un plan de emprego xuvenil, ou mesmo a obriga de análise da realidade laboral antes de ofertar obradoiros sen saídas profesionais”. A negativa do goberno local nesta materia foi unha constante, mais agora desde o PSOE din “non pasar nin unha máis cando este inmobilismo xa non só afecta ás persoas desempregadas, senón tamén ás que constan nunha bolsa de emprego que gardan nun caixón sen ningún miramento”, conclúen.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.