O PSOE critica ao alcalde por incumprir a lei na convocatoria dos plenos

alcalde móvil
A web do concello de Vilalba continúa, a día de hoxe, sen ofrecer nin un só procedemento online para a súa tramitación electrónica. (Foto: La Coz de Galicia)

Os socialistas aseguran que o alcalde burla de xeito constante a normativa que obriga a convocar os plenos como mínimo unha vez cada dous meses.

Ante a renuncia do goberno local de aforrar 300.000€ procedentes da Deputación para a posta en marcha da administración electrónica, condenan o gasto innecesario con cargo ás arcas municipais cinco anos despois.

 

O Grupo Municipal Socialista critica o incumprimento constante por parte do alcalde da normativa para a convocatoria dos plenos, logo de atrasar o correspondente a este xoves 31 de marzo sen ofrecer ningunha explicación á oposición. Segundo recolle a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local no seu artigo 46, o pleno ten que celebrar sesión ordinaria como mínimo cada dous meses nos concellos dos municipios cunha poboación entre 5.001 e 20.000 habitantes. Ademais, o goberno local propuxo para a organización e funcionamento desta lexislatura convocar os plenos o último xoves do mes, con convocatorias bimestrais tal e como menciona a lei.

Sendo responsabilidade do alcalde dita convocatoria, “incumpren a súa propia proposta de celebrar as sesións plenarias o último xoves dos meses impares, acordada posteriormente por todos os grupos políticos da corporación”, afirmou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. “Asistimos de novo a un total desprezo á oposición, xa que non reuniu a xunta de portavoces nin deu explicación algunha aos concelleiros e concelleiras por non ter convocado este último pleno”, comenta Veleiro, engadindo que “merecemos, como representantes públicos, que se respecten os acordos para poder debatir, preguntar e propor, cando toca, os asuntos que afectan a toda a veciñanza”.

O grupo socialista amosa o seu desacordo “ante o constante ninguneo que percibimos do alcalde, máximo representante dun autoritarismo que espalla con cada un dos seus xestos, acompañado por un equipo de concelleiros que permanecen impertérritos ante a súa tiranía”, afirman. Nesta liña recordan que dos nove concelleiros que comezaron a lexislatura, cinco perciben na actualidade un salario procedente da súa actividade política, “polo que esperamos un mínimo de dilixencia e a máxima dispoñibilidade, así como consideración polas persoas que tamén formamos parte da corporación e precisamos organizar e coordinar a nosas tarefas profesionais e familiares coas que desenvolvemos no concello”. Tamén aseguran que “lonxe de facernos cómplices, en canto que oposición, de perpetuar ese proselitismo e submisión, seguiremos traballando polos intereses de todos os vilalbeses e vilalbesas e facendo que se respecte unha labor na que confían os que, coma nós, cren noutra forma de facer as cousas”.


Administración electrónica

Ante o anuncio do goberno vilalbés da aprobación do orzamento para prestar o servizo do sistema de organización e control telemático de documentos e expedientes, os socialistas recordan que fai agora 5 anos o alcalde bloqueou a posta en marcha da administración electrónica. Procedente da Deputación Provincial e cofinanciado con fondos europeos, a instalación deste sistema aforraría 300.000€ ao concello, “proxecto que o señor Criado inmobilizou, negando a posibilidade de calquer veciño ou veciña de facer 79 trámites administrativos co concello vía Internet, de xeito cómodo e cun importante aforro de tempo e de cartos”, afirmou Veleiro.

O PSOE de Vilalba cita un parágrafo da acta da Xunta de Goberno Local de xaneiro, na que se pode ler “la necesidad de la puesta en marcha de este sistema en la administración municipal, no solamente es necesaria sino obligatoria para dar una respuesta ágil (…) y su integración en el aparato administrativo de la era moderna y, a la vez, dar cumplimiento a lo dispuesto en la Ley 19/2013 de 9 de diciembre de transparencia, acceso a la función pública y buen gobierno”. Tal e como vén de afirmar a portavoz dos socialistas, “xa van con retraso no cumprimento da lei, e preguntámonos cando se lle veu á memoria ao señor alcalde iso de adaptar a súa xestión á modernidade”, comenta en relación á negativa recente de Criado de adherirse ao Portal de Transparencia da Deputación.

Os socialistas conclúen censurando “que o que se puido aforrar fai cinco anos, agora supón un gasto de 36.000€ que sairán dos cartos de todos”, garantindo que “aínda que o alcalde faga caso omiso de propostas, conteste con mentiras ás preguntas e intente desdeñar o traballo da oposición, seguiremos reprobando a súa xestión pois día a día evidencia un xeito de gobernar ao que milleiros de vilalbeses xa se opoñen”.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.