O PSOE de Vilalba “alégrase” de que o Alcalde execute iniciativas promovidas por eles como instalar bolardos na rúa Basanta Silva

O PSOE de Vilalba “alégrase” de que o Alcalde do PP execute iniciativas promovidas polo grupo municipal socialista como a instalación de bolardos automáticos na rúa Basanta Silva. A voceira, Elba Veleiro, explicou que foron os socialistas os que presentaron esta iniciativa no pleno do mes de maio do 2018 e foi o PP, coa súa maioría absoluta, o que rexeitou esta proposta votando en contra.

“Comprácenos ver que o rexedor e o seu equipo de goberno dan marcha atrás e cambian a súa postura inicial, pero deberán explicar aos vilalbeses porqué tardaron 6 meses en poñer en marcha un proxecto tan necesario para paliar os problemas de circulación desta zona urbana do Concello. Non ten sentido mellorar a peonalización das rúas se os vehículos continúan aparcando das mesmas pola falta de control”.

Elba Veleiro censurou que o PP non teña ningún tipo de reparo en apropiarse de iniciativas da oposición e subliñou que “estas situacións son un exemplo máis da incapacidade deste executivo, sen ideas e sumido en continuas contradicións. Parece que agora que están próximas unhas eleccións municipais ao señor Baamonde éntranlle as presas por facer o que non fixo durante estes 4 anos de lexislatura”.

A voceira socialista lamentou a “indolencia” e a “desidia” do grupo popular e remarcou que dende o PSOE seguirán traballando e levando propostas que “repercutan positivamente e melloren a calidade de vida dos vilalbeses”.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.