O PSOE de Vilalba pide un parque biosaudable próximo ao casco urbano

IMG-20160223-WA0012
Máis de 2 anos leva así o único parque biosaudable que tiñamos

Os socialistas denuncian de novo que os aparellos que se retiraron do paseo fluvial para arranxar e cambiar de lugar sigan almacenados e inutilizados

Propoñen a zona verde da entrada do polígono industrial como ubicación do parque, zona frecuentemente transitada por vilalbeses e peregrinos

O Grupo Municipal Socialista demanda a creación dun parque biosaudable nas proximidades do casco urbano de Vilalba, destinado a fomentar a actividade física das e dos máis maiores do municipio. Reclaman que os aparellos retirados hai máis de dous anos do paseo fluvial da Área Recreativa da Madalena aínda seguen almacenados e sen reparar nunha nave municipal. Desde a agrupación denuncian a acumulación de pezas inutilizadas e a falta de compromiso do goberno vilalbés, que incumpriu a súa palabra ao non telas arranxado e recolocado noutro emprazamento, tal e como afirmaron en reiteradas ocasións.

“En abril do 2014 pedimos explicacións ao alcalde, pois os aparellos estábanse a deteriorar sen que se ofrecese ningunha alternativa durante un amplo periodo de tempo; agora retomamos esa cuestión solicitando un parque biosaudable nas inmediacións do casco urbano”, comentou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Afirman tamén ter insistido e reclamado “que se repararan as pezas en mal estado e se colocaran nalgún parque máis próximo onde poideran acodir os veciños e veciñas e utilizalos dentro das súas rutinas”, pero destacan que as súas peticións foron desoídas polo alcalde.

Por este motivo, propoñen que a ubicación do parque saudable que demandan sexa a zona verde que dá entrada ao polígono industrial das Sete Pontes, en lugar de telo empregado irregularmente como aparcadoiro. Os socialistas consideran que se trataría do lugar máis idóneo por varios motivos: está cerca do casco urbano, atópase nunha ruta frecuentemente transitada pola veciñanza nas súas camiñatas diarias, e tamén está próximo ao albergue dos peregrinos que recorren o Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba.

Para Veleiro trátase dunha proposta que reportará beneficios para todos os veciños e veciñas, pensando especialmente “en incrementar o benestar e saúde física dos nosos maiores, tendo en conta tamén o envellecemento da poboación e o incremento de hábitos de vida pouco saudables”.IMG-20160223-WA0013

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.