O PSOE denuncia que o concello nega información do FIV e o «leira-párking»

pleno
O Grupo Municipal Socialista continúa a destapar as oscuras tramas do grupo de goberno do Partido Popular de Vilalba.

Os socialistas critican que despois de máis dun mes e dúas solicitudes de documentación do FIV 2015 seguen á espera dunha resposta

Tamén trasladan a súa disconformidade ante o silencio administrativo tras a petición do contrato do aparcadoiro habilitado fronte ao centro de saúde

 

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o goberno local do Partido Popular non dá acceso á documentación solicitada sobre o Festival Independente de Vilalba (FIV) do 2015, nin tampouco aquela documentación requerida do leira-párking instalado fronte ao centro de saúde. Critican de novo os constantes incumprimentos no relativo á obriga do equipo de goberno de aportar a información solicitada pola oposición, e sinalan como responsable ao concelleiro de cultura, José Antonio Pita, por ter ocultado en dúas ocasións documentación sobre o festival.

O PSOE vilalbés facía público hai máis dun mes que se lles ocultara certa información do FIV 2015 no relativo a un requerimento notificado pola Xunta de Galicia sobre a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que supoñía un montante total de 7.654,47 euros. Ante o descoñecemento do grupo socialista sobre as consecuencias desta situacion “pedimos días despois a documentación que se nos tratara de ocultar, pois non sabíamos se finalmente se subsanara o erro cometido polo responsable de cultura no consistorio e se perderamos a subvención”, comentou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Tras esta segunda petición e transcorridas catro semanas, “non obtivemos ningunha resposta”, censurou, engadindo que “non é baladí que a aportación do concello ascenda a case 41.700 euros que pagamos entre todos e todas”.

Ocorre o mesmo no caso da documentación solicitada polos socialistas no que atinxe ao aparcadoiro instalado no soar fronte ao centro de saúde de Vilalba. “Entregamos no concello unha solicitude o pasado 28 de marzo, na que pediamos a copia do contrato ou autorización polo que a propietaria do terreo alugaba ao concello de Vilalba dúas parcelas para o seu acondicionamento como aparcadoiro público”, sinala Veleiro, asegurando que tampouco recibiron resposta algunha. Ante este silencio que o PSOE toma como unha intención clara de ocultar información, “pedimos explicacións e responsabilidades tanto ao alcalde, Gerardo Criado, polos reiterados incumprimentos na súa xestión, como ao presidente do PP en Vilalba, Agustín Baamonde, por desentenderse e permanecer impasible ante os malos hábitos do partido que preside”, conclúen.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.