O PSOE pide que se aprobe a súa proposta de regulamento de participación veciñal

IMG_20141120_170810Os socialistas recollen a posibilidade de que os vilalbeses e vilalbesas interveñan nos plenos ordinarios

Tamén solicitarán un espazo no novo aparcadoiro para a aterrizaxe do helicóptero nas emerxencias sanitarias, e levarán varias preguntas sobre o PXOM

O Grupo Municipal Socialista pedirá no vindeiro pleno a aprobación do regulamento de participación veciñal para facer efectivo o acordo ao que chegaron as forzas políticas da corporación nos primeiros meses da lexislatura. Ante a ausencia de propostas dalgunha outra formación, solicitarán que o pleno acorde a posta en marcha do regulamento presentado polos socialistas o 24 de novembro do pasado ano. Nesta proposta recóllese a participación das veciñas e veciños nas sesións plenarias, o dereito de todas as persoas a recibir información das actividades e servizos municipais, a facer peticións ou suxerencias ao goberno municipal, ao fomento das asociacións por parte do concello, ó acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación ou mesmo á consulta popular ou referendo.

“Pedimos que a participación veciñal se regule coa máxima celeridade, logo de lles presentar hai catro meses unha proposta completa sobre os mecanismos e ferramentas que consideramos prioritarios para garantir e fomentar a implicación da veciñanza nos asuntos públicos”, comentou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Ante a ausencia de calquera outra proposición, o PSOE vilalbés pide a aprobación dun regulamento “que configura a antesala da participación efectiva da veciñanza, posto que calquera persoa tería a posibilidade de intervir nos plenos, presentar proxectos e iniciativas, e incluso exercer o seu dereito ao voto no caso de convocarse unha consulta popular”, afirman.

En último termo, a democracia deliberativa preséntaselles aos socialistas de Vilalba como “un obxectivo a acadar tamén e principalmente polas entidades locais, especialmente neste municipio onde a opacidade anula a transparencia e o clientelismo eclipsa a participación”, criticou Veleiro. Non obstante, aseguran que os cimentos que tornan unha sociedade castigada pola desinformación en aqueloutra implicada e participativa “distan exclusivamente das boas intencións, polo que é esencial que o concello promova o exercicio efectivo dos dereitos de participación”, conclúen.

Emerxencias sanitarias

Outra das cuestións que se tratarán no pleno en forma de rogo será a petición expresa por parte dos socialistas de que se delimite e reserve un espazo no aparcadoiro ubicado ao carón do Centro de Saúde de Vilalba, coas condicións e superficie necesarias para a aterrizaxe dun helicóptero de atención ás emerxencias sanitarias.

A causa desta petición ten que ver co acondicionamento do terreo para o aparcadoiro sen a previsión de calquera emerxencia que obrigaría a dispoñer deste espazo, ata o de agora libre para o desenvolvemento do protocolo descrito.

PXOM

No que atinxe ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Grupo Municipal Socialista preguntará ao equipo de goberno a cantas administracións sectoriais lles foi remitido dito Plan, e a súa resposta.

Por outra banda, tamén inquirirán sobre a situación do traballo xa feito no caso de que o concello non aprobe incialmente o PXOM no prazo estipulado pola recente Lei do Solo. Nesta liña, “preguntaremos ao Sr. Alcalde cando ten previsto proceder á aprobación incial do PXOM”, aseguran.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.