PSOE: “Deixamos en mans da Fiscalía actuacións que denunciamos durante máis de 6 anos”

Ao fío das últimas novas que apuntan á investigación do exalcalde popular, Gerardo Criado, o PSOE de Vilalba vén de facer unhas aclaracións como suxeito activo nesta cuestión e adquirindo a responsabilidade de facilitar á veciñanza a relación dos feitos.

Neste senso, os Grupos Municipais Socialistas que formaron parte da oposición reiteraron en sucesivas ocasións “o deber que tiñamos de fiscalización da acción de goberno nun sentido amplo, polo que despois de ter denunciado en medios de comunicación e sesións plenarias feitos que considerabamos contrarios ao interese público, decidimos dar un paso máis”, asegura Eduardo Vidal, voceiro municipal e Secretario Xeral da agrupación socialista no momento no que se inicia este procedemento. Tras o comezo da lexislatura 2011-2015, desde o Grupo Socialista “observabamos que as decisións do goberno, liderado polo señor Criado, alonxábanse do que considerabamos como igualdade de oportunidades, e polo tanto, propiciaban certa arbitrariedade”, subliña Vidal, polo que “cumprindo” co seu labor na oposición, “decidimos poñer en coñecemento da Fiscalía uns feitos que vemos como contrarios á salvagarda do interese xeral”.

As achegas de documentación á Fiscalía producíronse nos anos 2013 e 2011, “e como consecuencia, instrúese un sumario que conleva, segundo as últimas publicacións mediáticas, á investigación xudicial do que foi alcalde de Vilalba, Gerardo Criado”. Desde ese momento, as persoas compoñentes do Grupo Municipal Socialista foron “escrupulosamente respectuosas” tanto coa presunción de inocencia como cos tempos xudiciais, pois “en ningún momento posibilitamos ningunha filtración dos contidos comunicados á Fiscalía, máis alá de afirmar a existencia dun sumario por irregularidades no goberno de Vilalba que produciron cambios de cargos entre responsables implicados do Partido Popular”.

Os socialistas afirman que “a confianza no sistema xudicial levounos a tomar a decisión de non persoarnos como acusación particular, pois cremos firmemente no piar fundamental do Estado de Dereito, que non é outro que o poder xudicial”, aseverou Vidal. Mesmo se ao final a causa é arquivada, entenden que “cumprimos o noso deber ao ter comunicado á Fiscalía os feitos que consideramos contrarios á legalidade e que se estaban a producir na administración do poder institucional por parte do Goberno Municipal”.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.