PSOE e Vilalba Aberta chegan a un acordo de goberno no Concello de Vilalba

O novo goberno de Vilalba sae dun acordo entre PSOE e Vilalba Aberta, froito de diferentes encontros entre ambas formacións ao longo destas semanas. En base a un acordo programático de mínimos inicial, o equipo de goberno contará con oito edís socialistas e un de Vilalba Aberta, polo que a repartición de áreas neste goberno de coalición incluirá ao concelleiro da mesma asemblea, Modesto Renda.

Na sesión plenaria de organización aprobáronse as distintas delegacións que asume cada concelleiro e concelleira mediante decreto da alcaldesa socialista, Elba Veleiro. Así, Rodrigo Pavón, primeiro tenente de alcalde, será o encargado de Espazos cidadáns, Relacións coa veciñanza e Servizos; Marta Rouco, Políticas sociais e Réxime interno; Luis Fernández, Economía, Facenda, Infraestruturas e Urbanismo; Vanesa Siso, Cultura, Comunicación e Igualdade; Ignacio Criado, Medio ambiente, rural e promoción do emprego; Antía Rama, Educación, Infancia, Mocidade, Feiras e Mercados; Xosé Teixeiro, Deportes; e o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, Turismo e Promoción do Comercio Local.

En canto ao réxime de dedicacións, a alcaldesa Elba Veleiro terá unha dedicación exclusiva con xornada laboral completa, cunha retribución bruta de 45.000 euros, baixando o salario con respecto ao anterior rexedor. Ademais, o concelleiro Rodrigo Pavón e as concelleiras Vanesa Siso e Antía Rama contarán cunha dedicación parcial do 65% (14.950 euros brutos), e o edil Luis Fernández do 15% (3.450 euros brutos).

Modesto Renda, concelleiro de goberno pola asemblea de Vilalba Aberta, asumirá unha dedicación exclusiva con xornada laboral completa e cunha retribución bruta de 23.000 euros.

Segundo vén de afirmar Elba Veleiro, “a nosa principal motivación para este mandato é ter estabilidade no goberno para poder traballar o mellor posible de cara á veciñanza, garantindo que as accións e prioridades conten co maior apoio para saír adiante, traballando en conxunto e remando a favor dun goberno progresista e que defende por riba de todo a igualdade de oportunidades”.

Na mesma liña se pronunciou o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, destacando a “exemplaridade e a responsabilidade das partes no proceso de negociación” e o positivo do “comezo dunha nova etapa na que o diálogo será imprescindible para afrontar, dende unha óptica de progreso e estabilidade, os grandes retos do Concello”. �

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.