PSOE: “A data da feira do capón revela o nulo interese por manter e potenciar este produto”

Os socialistas reproban que o 18 de decembro, unha semana antes do Nadal, obriga aos produtores a buscar a comercialización por libre ante o desleixo do goberno local

“Pasan os anos e non se propoñen accións que dinamicen e contribúan a consolidar o mellor produto culinario para as datas do Nadal, e que tanto nome dá ao noso concello”

O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha crítica ao goberno local logo de datar a feira do capón para o vindeiro 18 de decembro, unha semana antes do Nadal. Consideran “unha insensatez e un despropósito” esta medida anunciada polo concello vai uns días, tendo en conta que “os capóns se sacrifican días antes da feira e que a súa exquisitez radica nas súas propiedades especiais para ser cociñados sen sofrir previamente procesos de conxelación”, aseguran.

“O concello está decidido a rematar coa feira do capón”, así é como definen os socialistas unha situación totalmente contraria á de dar pulo e potenciar un dos produtos estrela de Vilalba. Segundo vén de afirmar o concelleiro socialista e deputado provincial, Eduardo Vidal, esta medida “fará que sexan poucos os capóns que concorran á feira, pois os produtores vanse ver na obriga de buscar a comercialización por libre, sen pasar pola feira”, afirmando tamén que serán os propios produtores “os que poñan sensatez a esta situación sacrificando aos animais en datas posteriores ao 18 de decembro para garantir a calidade e non desprestixiar o produto”, destacou.

Desde o Partido Socialista aseguran que de pouco serve o selo de protección da IXP (indicación xeográfica protexida) como marca de calidade se as actuacións do concello validan o contrario. “O capón de Vilalba require urxentemente a asunción de medidas que dean seguridade e garantías, ano tras ano, tanto aos produtores como aos compradores”, subliñou Vidal, considerando necesario “establecer unha data fixa e traballar durante todo o ano para que ese día se recoñeza como senlleiro no calendario dos mellores eventos de interese gastronómico”.

O grupo dos socialistas na corporación vilalbesa lamenta que o concello siga fomentando “malas prácticas, entre delas, a de entregar os marchamos identificativos directamente aos produtores”. Do mesmo xeito, trasladan o seu pesimismo e disconformidade “cun remudado alcalde”, en alusión a Agustín Baamonde, “que non é quen de facer valer a súa experiencia no eido público e se resigna nada máis tomar posesión, instaurando de novo o deixar facer como o seu principal sinal de identidade na xestión municipal”. Rematan facendo mención dunha frase de Baamonde, todo segue igual, éche o mesmo can pero con distinto colar, comentando que “as súas citas denotan a alegría coa que retoma a alcaldía de Vilalba”.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.