PSOE: “O alcalde vulnera o dereito á información constantemente”

Os socialistas aseguran que non se lles facilitou a información requerida sobre diferentes asuntos como reparos de legalidade ou todo o referido ao cambio de mutua no concello

Como representantes de moitas persoas na Corporación Municipal, esixen que se dea resposta aos seus escritos

O Grupo Municipal Socialista acusa ao alcalde, Agustín Baamonde, de vulnerar o dereito á información no referido a diferentes asuntos requeridos ao goberno local por dito grupo. Critican este proceder “ao que nos tiña acostumado Gerardo Criado, e que se traslada do mesmo xeito ao mandato de Agustín Baamonde”.

Un dos asuntos que mencionan os socialistas corresponde á copia dos reparos de legalidade emitidos por secretaría aos que se fai referencia nas actas das xuntas de goberno do 21 e 28 de novembro de 2016 “ao respecto do pagamento de facturas en concepto de gastos de protocolo que vai máis dun mes que temos solicitado por escrito”, comenta a voceira dos socialistas Elba Veleiro.

Por outra banda, segundo aseguran desde o Partido Socialista, tampouco se lles facilitou a copia das comunicacións escritas enviadas polo concello á mutua de accidentes “explicando as cuestións que fundamentaron a intención do concello para a recisión do contrato coa entidade”, subliña Veleiro. Ademais, tamén solicitaron as copias das contestacións efectuadas pola actual mutua “malia telas pedido por escrito”, censuran.

Neste senso, o grupo socialista traslada as súas queixas “polo proceder pouco transparente ao que nos teñen acostumados tanto Criado como Baamonde, pois xa son demasiadas as veces que non se nos ten contestado nin facilitado a información requerida á máxima autoridade municipal”.

Así pois, consideran vulnerado un dereito fundamental recollido na Constitución como garante do control da cidadanía nos asuntos de xestión pública, “e non damos por boa a calada por resposta, esiximos que o procedemento de acceso á información se cumpra”. En palabras da voceira socialista, “son cinco os días que marca a lei para que se nos dé cumprida información das cuestión solicitadas”, engadindo que “somos representantes de moitos vilalbeses e vilalbesas e non consentimos que co proceder do alcalde se conculquen os dereitos de cada persoa que confiou na nosa candidatura para que a representaramos na Corporación Municipal”, remata.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.