PSOE: “Pediremos no pleno o arranxo do firme de contención na Ponte de Pazos, en Belesar”

Os socialistas falarán no próximo pleno da urxencia de levar a cabo as obras necesarias para o arranxo e a correcta sinalización na zona da Ponte de Pazos (Belesar)

“Priorizan obras e destinan os fondos do canon eólico para a explanada do campo de fútbol cando existen zonas de perigo para a seguridade no rural que teñen totalmente abandonadas”

O Grupo Municipal Socialista pedirá no próximo pleno que se arranxe sen demora o firme de contención no lugar da Ponte de Pazos (Belesar), situada na estrada que une Alba e O Buriz. Non só solicitarán que se leven a cabo as obras precisas, senón tamén que se realice a correcta sinalización do lugar pola perigosidade que entraña para a seguridade. Destacan que pasou o verán e o goberno vilalbés priorizou obras “en detrimento daquelas que si deberan de considerarse de interese prioritario”.

O PSOE de Vilalba asegura que ao longo de 100 metros, e como consecuencia das choivas do inverso pasado, as augas do río Labrada causaron socavóns nas dúas beiras da estrada, “correndo perigo de derrube”, afirman. Ademais, en palabras da voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “pediremos unha oportuna sinalización e que se acometan de urxencia as obras necesarias”, engadindo que coa chegada do inverno a estrada mollada sen pintar “constitúe un verdadeiro perigo para a circulación viaria”.

Por outra banda, o grupo socialista no consistorio tamén solicitará no vindeiro pleno que se acondicionen os viais que conducen ao barrio do Pazo de Samarugo, ao consideraren que “as continuas fochancas da estrada fan moi dificultosa a conducción, principalmente desde a pista que une as parroquias de Goiriz e Samarugo ata a entrada do pazo”.

Nesta liña, os socialistas reiteran que “hai tempo que pedimos que se priorizaran as obras máis urxentes, e que se empregaran os fondos do canon eólico en obras de interese ambiental”, poñendo como exemplo as obras da Ponte de Pazos, “e non o asfaltado da explanada do campo de fútbol, que responde á utilización dos recursos públicos cun nepotismo sen escrúpulos aínda cando se está a falar da seguridade dos veciños e veciñas”, rematan.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.