Un relato sobre o rol das nais nun sistema machista gaña o certame das XSG Vilalba

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de outorgar o primeiro premio do Certame Literario Mª José Vázquez Verdes a Vanesa Otero Orosa polo seu microrrelato “Nunca está”. Nesta terceira edición a convocatoria cinguiu a temática ás reivindicacións feministas para dar visibilidade ás discriminacións de xénero con motivo do mes no que se celebra o Día Internacional da Muller, que este ano tivo especial repercusión polas mobilizacións en todos os territorios do país.

A obra que resultou gañadora tras a deliberación do xurado, formado pola docente do IES Santiago Basanta Silva, Araceli Paz Veres, e a xornalista de El Progreso, María Roca Ramudo, versa sobre a situación que atravesan moitas nais froito dun rol imposto que se sustenta nunha sociedade patriarcal desde a perspectiva dunha nena, dunha filla. Pequenos detalles e comparativas entre a crianza da nai e do pai que se observan cunha mirada infantil vislumbran as diferencias na crianza dos fillos, que esconden detrás a cultura machista que sitúa ás mulleres como coidadoras e relegadas sempre a un segundo plano, e que fai case imposible a conciliación entre a vida laboral e familiar.

Tras a entrega do primeiro premio á gañadora do concurso, o Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba, Miguel González, agradeceu a participación de todas as persoas neste terceiro certame, así como a colaboración do xurado, e subliñou que “iniciativas coma esta intentan contribuir á visibilización das desigualdades mediante a cultura, neste caso en concreto a través de pezas literarias de non máis de 200 palabras, nas que se condensan situacións coas que todos e todas estamos familiarizados e contra as que temos que loitar día a día para acadar un mundo máis xusto e igualitario entre mulleres e homes”.

 

Ademais, deixamos nesta ligazón os primeiros cinco relatos co nome das autoras:

https://drive.google.com/drive/u/2/folders/1KkVPatHPS_cdFAnvLcrD7mUoG-EvtoHD

Vanesa Otero recibe o premio da man das XSG de Vilalba

 

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.