Resaca electoral

IMG_20150524_121536
Os carretadores do Partido Popular ‘traballaron’ á vista de todos

Unha vez coñecidos os resultados electorais, resulta inevitable falar do acontecido. Como dicía vai uns días neste mesmo espazo, todos os partidos presentabámonos coas nosas mellores galas diante da sociedade vilalbesa coa intención de obter os mellores resultados para as formacións que representamos. Uns, mesmo antes de comezar a propia campaña organizamos unha morea de actos electorais destinados por, un lado a captar a atención dos e das votantes, e por outro a confirmármonos diante da sociedade e de nós mesmos como a mellor opción política posible. Presentamos un programa moi elaborado a sabendas de que non sempre se le. Saímos ás rúas, asistimos a mercados, a feiras e actos de todo tipo para facer máis evidente a nosa presenza. Repartimos publicidade, dedicamos horas e horas a estar coa xente. Pouco ou moito todos gastamos dos nosos petos cantidades de diñeiro que non serán recuperadas, usamos os nosos coches, gastamos o noso tempo, perdemos de estar coas nosas familias e cos nosos amigos, enfadámonos, rímonos, xantamos a deshora, medimos as nosas respostas, sobre todo as escritas. Estivemos pendentes do que se dicía de nós nas redes sociais, reunímonos cada día para facer balance da xornada anterior e programar a seguinte, repetimos os nosos slogans, os nosos hashtags, gravamos as nosas propias cuñas de publicidade, traballamos para convencer…

Día a día, fómonos achegando ao día “D”, ao 24 de maio, crendo que todas as forzas políticas terían un comportamento digno coa democracia e co bo facer electoral, pero non foi así. Nese día, poidemos ver que en Vilalba aínda se segue a menosprezar a vontade dos e das  cidadáns, aínda se seguen a utilizar métodos de coacción coas persoas para conducilas aos colexios electorais. Antonte, o Partido Popular  en horario de mañán e tarde movilizou a unha boa parte do electorado polo método da carretaxe. Foi o partido máis votado, si que o foi, tivo maioría absoluta, si que a tivo, pois foron 4.000 vilalbeses e vilalbesas os que lle deron os seus votos, pero foron 4.300 quenes llos demos aos partidos de esquerdas. Chegará o día no que nin con esas prácticas lograrán manter o poder. Ata daquela, uns seguiremos traballando para convencer e demostrando que hai outra forma de facer, outros seguirán coa letanía do esforzo, traballo e compromiso.

Que teñades todas e todos un moi bo día

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.