Resumo do pleno de Novembro

Foi esta a derradeira sesión plenaria do 2014. En certos temas o alcalde volveu a facer de anguía: segue sen deixar contestar as preguntas escritas aos concelleiros do seu Grupo, continúa a protexer as cacicadas tanto do concelleiro Iván Fernández como do membro da executival do PP vilalbés pedáneo da parroquia de Árbol, e persiste no encubrimento ao concelleiro Jesús Bermúdez nos oscuros procedementos de adxudicación dados na organización do FIV 2014.

Como de costume o interese político do pleno veu dado polos debates suscitados coas propostas dos grupos da oposición, do que salientamos pola súa trascendencia: Que o PP debe de substituír de inmediato o seu voceiro en temas de sanidade, ao primeiro Tenente de alcalde Julio Vázquez Otero: que se deixen de historias, o seu é a sanidade privada.

Demos aprobación ao formulismo de mero trámite para modificación das ordenanzas fiscais números 22 e 25. Tamén ao proxecto de renovación da conducción xeral para a conducción da auga dende os depósitos ata Vilalba. Non así á aprobación do enésimo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 5.007,86 euros. Unha vez máis, o grupo de goberno cólanos por esta figura o pagamento de facturas que non estaban consignadas en presupostos e que nada teñen que ver coa excepcionalidade de gasto. Algunhas delas, dos anos 2010 e 2011, outras en concepto de gastos correntes, perfectamente previsibles e que deberían de ser pagadas polo procedemento ordinario.

Xa no apartado de mocións seguimos sen entender como o PP pode votar en contra da nosa moción na que pedíamos que o Pleno acordara instar á Xunta de Galicia para que a través da Xerencia Integrada de Lugo mantivera a prestación dos servizos do Centro de Saúde Vilalbés, principalmente nos casos de ausencia de persoal por baixas laborais prolongadas, como ocorre dende vai 2 anos nun cupo da tarde. O que debería de ser una petición lóxica, oportuna e unánime para evitar a atención discontínua e fraccionada ás persoas que precisan asistencia sanitaria. O que debería de ser una aposta pola atención continuada dos pacientes, principalmente dos que padecen doenzas crónicas, convertíuno o primeiro tenente de alcalde Julio Vázquez, nun alegato en contra das políticas de Zapatero e do Goberno Bipartito. Este concelleiro una vez máis deu á Sanidade Pública un trato mercantilista, “este é un tema puntual sen importancia”, dixo o voceiro popular. Situación contraposta ao argumentario da nosa voceira Elba Veleiro, que defendeu a atención de forma contínua polos mesmos profesionais como premisa para obter os mellores resultados asistenciais e de atención terapéutica. As propostas de Elba para blindar a atención de fisioterapia -que no Ambulatorio vilalbés atende a unas 50.000 persoas da comarca-, en horario completo de mañán e de tarde de luns a venres -non en días alternos como ocorreu de maio a novembro-2014-, como principio de eficacia dos tratamentos prescritos, e a atención diaria e continuada polo mesmo profesional a un cupo de médico de familia da tarde que supera as mil cartillas, incomprensiblemente, foi votada en contra polo Partido Popular.

IMG_20141115_213859
A doutora de tarde que está de baixa e sustituída só dous dos cinco días da semana. ¡E cada vez por un médico distinto!

Outra moción que foi rexeitada polos populares foi a nosa petición de cancelación da póliza de seguro de vida e accidentes que o Concello ten formalizado coa compañía CASER e da que somos beneficiarios todos os concelleiros/as.

E por fin chegou o pleno no que por unanimidade se aprobou a unha moción do Grupo Socialista. Foi aprobada a nosa moción na que solicitábamos que a imaxe e o son das sesión plenarias foran retransmitidas vía internet na páxina web do Concello. Sen dúbida que é un principio importante para achegar á sociedade vilalbesa a acción política municipal.

Merece un comentario aparte a retirada da nosa moción na que demandábamos que o alcalde dera explicacións no pleno da situación sobrevida polo conflito existente na piscina municipal. Xa no pasado pleno do mes de xullo interesámonos por este asunto, e dende aquela non tivemos por parte do goberno vilalbés ningunha comunicación ao respecto, só información dende os medios de comunicación. Unha vez que o alcalde posicionouse sobre a realidade, e o Grupo Socialista volveu a ofrecerlle a colaboración e o apoio de cara á resolución do conflito, que agardamos que entre definitivamente en fase final de solución.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O conflicto laboral na Piscina Municipal leva meses alongándose sen que, por agora, haxa unha solución definitiva.

Ao respecto da moción que o BNG presentou sobre este tema, e na que pedía o rescate da xestión municipal das instalación da piscina e a subrogación por parte do concello dos traballadores do Grupo Pazos Salud y Ocio S.A. temos que dicir que non tivo o noso apoio, porque consideramos que de darse sería un agravio comparativo para a consideración doutro persoal que tamén está contratado por empresas que realizan servizos públicos en Vilalba. Tamén porque o acceso a postos de traballo da Administración Pública, non pode darse pola modalidade de subrogación, senón que ten que acontecer despois das oportunas ofertas públicas de emprego e procesos de selección baixo os principios cpnstitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Tampouco demos o noso apoio á moción do BNG na que solicitaba que nos orzamentos do vindeiro ano figurara una partida para axudar ao aluguer de locais comerciais a novos emprendedores. Entendemos que é una moción sen definir e que é un concepto que non ten cabida como ordenanza. Ademais moi ben podería ser considerada como unha subvención encuberta, e que suporía una competencia desleal con aqueles negocios que están asentados que verían como “o veciño do lado, por ter una axuda cós meus impostos, pode ofertar mellores condicións e polo tanto obter mellores rendimentos empresariais”

No apartado de rogos, e dado que se ten demostrado que a a parcela das inmediacións do polígono industrial, de titularidade municipal e cualificada como zona verde non pode ser usada como zona de aparcamento de vehículos, pedimos que se puxeran os oportunos sinais de prohibido aparcar.

No apartado de preguntas soubemos que o concello aínda non ten rematado o borrador da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipais a pesar de ter xa pagado as facturas correspondentes a este concepto, …galiñas serán pero úleme a can. Tamén que o concelleiro Iván Fernández non ten permiso para ter colocado o anuncio do seu negocio de hostalería nun terreo de propiedade municipal. Que apareceu unha posible documentación que non se nos amosou no seu momento sobre a contratación das carpas para o FIV 2014, …galiñas serán pero úleme a can. E que despois de dous meses o alcalde segue sen saber o destino da madeira da árbore que se talou nas inmediacións do colexio Ínsua Bermúdez, mesmo chegou a dicir que “igual foi para quentar aos nenos do colexio” …galiñas serán pero úleme a can.

No que respecta a este apartado de resumo dos plenos, e por estar xa esgotados neste ano, dende o Grupo Municipal Socialista agradecémosvos o interese e o seguimento que nos estades a facer, e desexámosvos un moi Bo Nadal, e que o vindeiro ano veña, se cabe, con máis forzas e con máis e mellores desexos de ledicia para todos.

nadal2015

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.