Resumo do pleno ordinario de Novembro: Gerardo Criado e o PP vilalbés, xogando ao despiste.

O pasado xoves 28 de Novembro celebrouse na Casa do Concello o derradeiro pleno ordinario deste 2013. Foron dúas horas de debate nas que, ao igual que en todos os plenos anteriores, as propostas viñeron única e exclusivamente do lado da oposición, mentras que o grupo popular, unha vez máis e como nos ten acostumados, sentouse só para facerlle oposición á oposición: o día que o alcalde teña a punto tódalas ordenanzas municipais, moito nos tememos que non terá ningún asunto de importancia para a vida dos vilalbeses que levar aos Plenos. Non hai ideas, non hai ilusión, o goberno municipal do PP está canso, aburrido e agotado.

E para mostra un botón. Estas son algunhas das respostas que para o alcalde e para o seu grupo de goberno lle merecen as mocións e as preguntas dos grupos da oposición:

  • Sobre a suba do 34 % do canon de SOGAMA.-  “Estar ou non estar en SOGAMA, é voluntario. O concello que non queira, que se dé de baixa deste sistema de tratamento de lixo”.
  • Sobre o paro en Vilalba.- “A nosa vila ten un paro estrutural de 700 persoas. Os concellos non temos competencias en políticas de emprego”.
paro_vilalba
Datos do paro de Outubro 2013.
Fonte: www.sepe.es
  • Sobre a moción contra o copago de medicamentos.- “É máis fácil ferir sensibilidades que pagar facturas pendentes”.
  • Sobre a petición de servizos médicos esenciais para os lucenses no HULA.- “Os que asinaron para a Iniciativa Lexislativa Popular, para a dotación dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina nuclear do HULA, aparte de firmar tiñan que traer os cartos”.
580861
A plataforma leva acadadas 35.000 sinaturas na provincia.
A do alcalde Criado non é unha delas.
  • Sobre a foxa feita recentemente en terreos municipais, que foi enchida con verquidos contaminantes e pechada cunha simple cinta plástica de Protección Civil.- “Non teño coñecemento da existencia de ninguna foxa con residuos contaminantes nas inmediacións da Depuradora. E ti, Jesús (Bermúdez, concelleiro de obras)?” “Non, eu tampouco”.
2013-11-15 14.23.31
A foxa foi feita en terreos do Concello, rodeada con cinta de Protección Civil e enchida de verquidos.
  • Sobre a posible sponsorización dun coche de rallie por parte do concello.-“Non está regulado o uso dos símbolos do Concello. Ao concelleiro Iván Fernández tiñamoslle que estar agradecidos de que co seu coche nos rallys, leve o nome de Vilalba”.
563810_445380562216228_1174356217_n
O vehículo esponsorizado pertence á escudería Terra Chá.

O PP vilalbés nen sequera tomou en consideración a posibilidade de acadar un acordo en relación á suba unilateral do canon de SOGAMA por parte da Xunta.  Non quixo aceptar a nosa proposta de que a Xunta -co seu 51 % de participación na empresa pública-, oíse ao conxunto dos alcaldes e alcaldesas a través da Federación Galega de Municipios e Provincias antes de oficializar a suba. Dixo Agustín Baamonde que a FEGAMP non ten competencias en SOGAMA, e que a Xunta… ¡¡ten prohibido poñer cartos  en SOGAMA!! Está realmente a defender os intereses dos vilalbeses e vilalbesas no Parlamento, ou defende outros intereses?? Pero coma a realidade é innegable, e por coincidencias do destino, resulta que xusto ao día seguinte o conselleiro Agustín Hernández acordou coa FEGAMP a moratoria da suba do canon. Claro que sí, Sr. Deputado Baamonde: o conxunto de alcaldes (independentemente da súa cor política), teñen e deben de ser escoitados. Ademáis,  SE A XUNTA TEN O 51% DE SOGAMA, CÓMO FEIJÓO NON VAI A TER NADA QUE DICIR? Seguen -equivocadamente- a tomarnos por tontos.

580861

O que realmente pasa é que o outro 49%, correspondelle a Gas Natural–Fenosa. Cando o goberno de Rajoy decidiu eliminar as primas pola venda da electricidade das enerxías renovables, cairon os ingresos e a Gas Natural-Fenosa baixoulle a rendabilidade, motivo polo que agora a Xunta dobrégase diante da multinacional. Este é o cerne do tema: o PP de Feijóo quere trasladar a todos os galegos e galegas a suba do 32% no recibo do lixo, co fin de que as empresas privadas manteñan os seus beneficios. O PRESIDENTE FEIJÓO NO CANTO DE DEFENDER O 51% DE SOGAMA -QUE É DE TODOS OS GALEGOS-, SOMENTES DEFENDE O 49% DE GAS NATURAL-FENOSA. Finalmente queremos preguntarnos: onde está escrito que unha empresa pública teña que dar beneficios? As empresas públicas deben a súa razón de ser en prestar servizos aos cidadáns que as manteñen cos seus impostos, non están para gañar cartos.

Noutra orde de asuntos, a semana anterior á celebración deste pleno, o alcalde convocounos a un pleno extraordinario co único fin de opoñerse ao Plan de Emprego da Deputación Provincial de Lugo, un plan de emprego que só intenta restablecer un equilibrio provincial xusto, aló donde a Xunta de Feijóo discrimina aos concellos en orde ao seu color político. Este pleno extraordinario, este toque de corneta ordenado caprichosamente polo Sr. Barreiro coa única intención de desgastar ao Presidente da Deputación, custoulle ás arcas vilalbesas uns 1.300 euros, cartos que falta lle fan ás exhaustas arcas municipais e que ben poderían terse aforrado se o señor alcalde fixese coincidir os plenos ordinario e extraordinario para o mesmo día. A ese respecto o grupo municipal socialista xa manifestou a súa intención, ao igual que o ten feito noutras ocasións, de doar a parte que lle corresponde á Cáritas Vilalba. Non pretendemos darlle leccións a ninguén, nin facer un xesto de cara á galería: simplemente facémolo porque non nos parece adecuado empregar os cartos dos vilalbeses noutros asuntos que non sexan os do exclusivo interese e beneficio dos propios vilalbeses. Pois ben, para darlle a oportunidade ao Goberno vilalbés de pronunciarse a favor de solicitar da Xunta recursos para plans de emprego e para tódolos concellos da provincia, foi polo que os socialistas presentamos a seguinte moción. A dicir verdade, non nos sorprendeu que o señor alcalde ordease votar en contra da nosa pretensión. O que sí nos sorprendeu foi o xeito de argumentalo: “O que presentades é un brindis ao sol. O concello non ten competencias en políticas de emprego”. Nen sequera aceptou a posibilidade, como se está a facer noutros lugares, de que o concello fixera de eixe transmisor coas empresas da comarca para facitar posibles prácticas de mozos e mozas para así, aparte de ir acadando experiencia laboral, posibilitar a inserción no mundo laboral dos mozos e mozas de Vilalba.

Por se isto non tivera a suficiente importancia, e despois de que co tempo regulamentario (tres días) formuláramos ao concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente, D. Jesús Bermúdez para a súa resposta en pleno unhas preguntas relacionadas coa apertura dunha foxa nas inmediacións da depuradora e na que se estaban a depositar residuos contaminantes, saliu o Alcalde dicindo… que non tiña coñecemento de tal asunto. Tampouco o Concelleiro. OS DOUS EDÍS CON ADICACIÓN EXCLUSIVA NON RESPOSTAN EN PLENO. ABSOLUTAMENTE IN-TO-LE-RA-BLE.

Ao respecto doutra pregunta que formulamos, sobre a propiedade dun automóvil de competición que participa en rallies co escudo e o anagrama do Concello de Vilalba, o alcalde respondeu que era propiedade do concelleiro Iván Fernández, que non tiña asinado ningún convenio para o seu uso, que non estaba regulado o uso nin do escudo nin da marca “Concello de Vilalba” e que debíamos estar agradecidos ao concelleiro do que estaba a facer polo nome do Concello.

Finalmente no apartado de rogos, formulamos dous solicitando que se cumpla o estipulado na normativa aos efectos de dar conta do acontecido nas Xuntas de Goberno Local. Tamén pedimos, en cumprimento dunha sentencia do Tribunal Constitucional, que se nos faigan chegar as convocatorias, coa oportuna orde do día, das reunións deste órgano colexiado.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.