Xullo de 2014, un pleno de balóns fóra e patada a seguir

2013-02-19 14.26.26
Os tres grupos políticos consensuamos un documento solicitando a permanencia do Rexistro Civil en Vilalba.

Por moito que intentou o Grupo de Goberno maquillar o pleno cunha orde do día de 13 puntos, como de costume foi a oposición a que lle deu o contido e a que propiciou o debate político durante máis de dúas horas.

Serviu este pleno para demostrar que o sr. alcalde encomenda definitivamente o debate dos asuntos plenarios a un concelleiro que non forma parte da Xunta de Goberno Local, ao parlamentario e presidente do PP vilalbés Agustín Baamonde. Tarde se deu conta o sr. Criado de que tivo toda esta lexislatura para formar un grupo participativo no goberno vilalbés, para corresponsabilizar aos concelleiros e ás concelleiras do PP nas accións de goberno, no debate político e nas portavocías das distintas áreas. Dedicouse, durante máis de tres anos de lexislatura, a personalizar malamente, e a chupar balón; esquecendo que un goberno é un equipo, e que non se debera de gobernar sen impulsar cada día a imprescindible participación e a necesaria pluralidade. Ímonos achegando ao final da lexislatura e seguimos sen saber o que cada concelleiro/a xestionou nas súas áreas de competencia. Salvando as distancias, imaxinádesvos que un Conselleiro da Xunta, ou que un Ministro do Goberno de España rematara unha lexislatura sen comparecer nin unha soa vez? Sen dar unha soa explicación do que acontece na súa área de responsabilidade? Pois é o que está a piques de consumarse en Vilalba. A piques de rematar a lexislatura, o alcalde segue a dar a impresión de que nin pode, nin sabe, nin quere contar co resto dos concelleiros e concelleiras. Como diría o propio Agustín Baamonde, “balóns fora e patada a seguir, que imos gañando”.

Ao respecto do desenvolvemento dos puntos da orde do día, imos a comentar que:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Os traballadores da Piscina Municipal están a atravesar serios problemas de cobro por parte da empresa concesionaria.

No punto número 2, “aprobación do proxecto de instalación de caldeira de biomasa na piscina pública”, o Grupo Socialista, logo de manifestar o incuestionable acordo ao proxecto, interesouse pola situación da empresa que na actualidade ten o encargo de xestionar a piscina, pois ao parecer está atravesando serios problemas financieiros, con repercusión nos traballadores que están sen cobrar dúas mensualidades. Manifestamos o noso desacordo na maneira en que está levando o asunto a alcaldía, pois ata o momento nin o concelleiro de deportes nin o propio alcalde tiñan comunicado a situación aos grupos da oposición. Esta cuestión fixo que o alcalde manifestara -chegado o apartado de rogos e preguntas-, que a empresa tiña débedas coa seguridade social e con Facenda, que o Concello seguía pagándolle o acordado, e que se estaba buscando unha solución. Como vedes, nada novo no xeito de proceder do Alcade. O normal sería que convocara a Comisión Informativa oportuna para tratar este tema, ou cando menos informar aos grupos da oposición do que acontecera nas reunións que tiña celebrado cos axentes implicados.

No punto terceiro, “informes de morosidade”, resulta que nin na comisión de asuntos do pleno, nin no propio pleno, se deron as cifras correspondentes a este apartado. Unha vez rematado o periodo vacacional da Sra. Interventora xa vos comunicaremos os datos oportunos.

No punto cuarto, “actualización ao IPC das ordenanzas 9, 11 e 16, reguladoras das taxas pola recollida de lixo, rede de sumidoiros e distribución de auga respectivamente”, os socialistas votamos favorablemente.

No punto quinto, o alcalde comunicou a sentenza pola que o Concello deberá de aboar ao persoal laboral a parte proporcional da paga extra de Nadal 2012. Isto é, a que correspondería entre os días 1 de xuño e 14 de xullo, así como os xuros correspondentes. Recordamos que na data 14 de xullo de 2012 entrara en vigor o Real Decreto-Lei 29/2012, polo que se suprimía a paga extra correspondente ao nadal de 2012.

No punto sexto, “Conta xeral 2013”, ao considerar que do que se daba conta é do documento técnico polo que se realizaron as operacións contables do orzamento final da anualidade 2013, e que non se debatían os conceptos nin as distintas partidas orzamentarias, e que ao longo da anualidade, tanto a Secretaría como a Intervención municipais tiñan formalizado, polo menos, 17 reparos de legalidade a outras tantas operación de paganento, o Grupo Socialista manifestou e argumentou a súa abstención.

No punto oitavo, quedaron declarados como días de festividade local para o ano 2015, o luns 31 de agosto e o martes 1 de setembro.

Xa no punto onceavo, “de mocións”, os socialistas presentamos dúas: nunha, en defensa dos rexistros civís e en contra da súa privatización. Na outra, pedíamos que o Concello procedera -o igual que co persoal loaboral- ao pagamento da parte proporcional da paga extra do nadal de 2012.

Na primeira, ao igual que aconteceu coa nosa reivindicación, que comezou no pleno de maio de 2012, pola que nos opoñiamos rotundamente á desaparición tanto do partido xudicial de Vilalba, como das súas plantas xudiciais, chegouse a unha postura de consenso entre os tres grupos, no senso de instar ao Goberno do Estado a non facer efectiva a Disposición final 19ª do Real Decreto-Lei 8/2014, que modificaba a Lei 20/2011 do Rexistro Civil, pois de facerse efectiva o Rexistro Civil deixaría de ter o carácter de público e desaparecería do noso concello.

Na segunda moción, e a petición do Alcalde, non sen antes expresar o seu acordo coa intención de facer extensivo o pagamento da parte proporcional da paga extra de Nadal 2012, ao persoal funcionario, decidimos deixala en agarda ata que se produza o oportuno pronunciamento dos tribunais de xustiza.

No punto doceavo, “proposicións da Presidencia”, por iniciativa do Grupo Socialista, aprobouse este documento ao respecto solicitar do Ministerio de Xustiza a non desaparición do Partido Xudicial de Vilalba.

No último apartado de “rogos e preguntas”, os socialistas formalizamos 4 rogos:

  1. Que se arranxe a beirarrúa da rúa Mestras Amelia e Sagrario, ao carón do Centro de Saúde.
  2. Que se proceda a abrir os servizos sanitarios do campo da feira, polo menos os días de feira e mercado.
  3. Que se constitúa o Consello Escolar Municipal.
  4. Que se faciliten as actas das Xuntas de Goberno Local en tempo e forma, pois estámolas recibindo con moita demora (con máis de dous meses de retraso).
2014-09-02 09.09.54
O alcalde voltou mentir aos vilalbeses: non vai a construir o Punto de Atención á Infancia (PAI) na antiga gardería municipal.

E por último, formulamos preguntas ao respecto do Centro Ocupacional, do Punto de Atención a Infancia (PAI), e da zona verde de propiedade municipal que se está a converter nun aparcadoiro para o uso de dúas empresas privadas, da funeraria “RECAFER”, e da parrillada “A Revolta”, esta última xestionada polo concelleiro do PP D. Iván Fernández. Pouco soubemos delas, posto que o alcalde contesta o que lle peta e non ao que realmente se lle pregunta. O que sí soubemos foi que, unha vez máis, Gerardo Criado volveu a enganar aos vilalbeses: logo de dicir aló polo mes de xaneiro, nos medios de comunicación e tamén en sesión plenaria, que o Concello ía a abrir un Punto de Atención á Infancia (PAI) na antiga gardería, en reposta ás nosas preguntas manifestou -sen porse colorado-, que o concello non ía a abrir tal infraestrutura: nada sorprendente, se temos en conta os negocios relacionados con esta actividade que se abriron recentemente na nosa vila.

Compartir con...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.